Ás veces, a realidade non nos vale. Máis dunha vez, non me atrevín a metela na ficción porque sospeitaba que ninguén a tomaría como algo verosímil. A ficción manexa outro tipo de verdades. Non hai moito souben que unha persoa da miña vila estivera a piques de me retirar a fala porque se vía reflectida nunha personaxe dunha novela miña e seica non gustaba da imaxe que dela se proxectaba. A sorpresa para min foi descomunal porque, mentres escribía, nunca pensara nesa persoa para nada, e, se cheguei a algún lugar común coa súa vida, foi por pura casualidade. Esa circunstancia fíxome lembrar a morea de veces que me inspirei en persoas reais e me vin na obriga de canear os atrancos usando nomes ficticios, unha solución que me permitiu non sacrificar a ficción e ter máis liberdade e espazo para a imaxinación. O certo é que todo o mundo quere saír sempre mellor do que en realidade foi. Esa fenda entre o que somos e o que nos gustaría ser adoita encherse coa ficción. Non sei se é o caso de Nona Gaprindashvili, a cinco veces campioa mundial de xadrez, que vén de denunciar a Netflix porque, segundo ela, a súa vida foi borrada na serie Gambito de dama, que lle nega a súa nacionalidade xeorxiana e mais a evidencia de que competiu con homes. Sen saber a estratexia dos seus avogados, nin que alegará a defensa, só vexo interesante neste asunto o motivo polo que os guionistas decidiron prescindir deses datos da xadrecista que tan inspiradores poderían ser para moitas mulleres. Polo demais, con independencia do que asinaron no contrato, a ficción sempre se coloca entre a realidade e os desexos e non ten por que constatar unha vida, nin ser fiel reflexo dela, porque, como dicía Flaubert, sen a imaxinación, a historia é imperfecta, incluída a das persoas reais.