A recente nova de que durante unha tarde caeu o WhatsApp e mais Facebook, deixando millóns de persoas sen se poder comunicar, levoume a pensar no fin dos fiadeiros na Galiza. Non lembrei deles porque os coñecese, porén si ouvín falar moito desas noites máxicas de inverno, especialmente no San Martiño e no Nadal, que tanto serviron como desafogo. Contaban os máis vellos que mentres as mulleres fiaban o liño ou a la, falábase de sucedidos até altas horas. Aínda que cada muller fiaba para si, era un labor que se facía comunalmente, por quendas, cada noite nunha casa, ou mellor dito, no curral da casa. Após a cea, ían chegando as mozas coas súas rocas, ou os seus fusos, la escarpeada e cardada e mais un banquiño con dous asentos: un para a fiadora e outro para quen lle cadrase. Disque aquilo era como os programas do corazón de hoxe, ou como un chat entre moitos de WhatsApp, mais con calor humano. Á luz do candil, coa roca entre o brazo esquerdo e o peito, o fuso na man dereita, xira que xira, o fío agarimado entre os dedos matapiollos e furabolos, entretecíanse as historias cheas de picardías, as novas ou os boatos sobre o pobo do lugar. Mais non só eran mulleres quen aí se xuntaban. Os homes e nenos tamén sentaban aquí e acolá ao carón do lume para escoitaren con atención o que se falaba. Nun intre calquera un mozo principiaba a bailar e tras el ían os demais. A música era sinxela: o frecuente era que se levase o ritmo tocando potas, pandeiros, culleres e ferros. O baile alternábase tamén con contos, xogos e loias.
Estes fiadeiros ou fiadas (filandones na zona de León ou trasnochos na de Soria) tan entrañábeis e tradicionais, que experimentaron un auxe durante a Guerra Civil para poder calcetar chaquetas, xerseis e outras pezas de roupa, foron esmorecendo pouco a pouco, a medida que diminuíu o número de ovellas e o interese pola la, ou cando chegou a televisión e toda a tecnoloxía que veu despois. Imaxino que o baleiro que deixaron foi grande, moito máis grande e intenso có de esta tarde de outubro de 2021 na que caeu o WhatsApp e mais Facebook e algúns dos máis novos atrevéronse incluso a dicir que foi algo coma o fin do mundo.