A memoria do PSOE

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

01 nov 2021 . Actualizado a las 21:49 h.

Na actual democracia española só hai tres partidos con historia longa e por iso mesmo con memoria fecunda. Teñen memoria do seu pasado de mobilización contra a primeira ditadura e a prol da democracia republicana e tamén en contra da segunda ditadura, proceso no que desempeñaron papeis diferentes pero coincidentes na vontade de instaurar unha convivencia pacífica nun réxime sometido a leis democráticas. Tiveron, si, posicións diferentes respecto da constitución actual. Os tres, PSOE, ERC e PNV, teñen tamén unha viva memoria do pasado incómodo de golpe, guerra e ditadura, con todas as súas complexidades. Un cuarto partido, o PCE, a diferenza dos anteriores leva corenta anos camuflado en coalicións diversas.

O PSdeG-PSOE, que vén de celebrar as súas primarias, ten esa longa tradición. O peso das xeracións mortas e a transmisión da memoria nin sempre actúa da mesma forma nin moito menos é garantía de nada, pero permite explicar algúns comportamentos e algunhas resistencias. No caso dos socialistas, a súa militancia actual procede de moi diferentes pólas que converxeron nas últimas décadas: varias vías do socialismo antifranquista que van do PSG nacionalista ao PSP tiernista e republicano, cunha non menor achega de peixes que recalaron na rede do PSOE despois da desfeita comunista de 1982 e que nutriron de cadros e posición política este partido principal na esquerda. Tamén a UPG ou EG aportaron achegas singulares. A extrema esquerda antifranquista esfarelada á altura de 1979 pingou tamén algún que outro político de postín no actual PSOE galego, aínda que a maioría dos novos alcaldes, concelleiros e deputados —os que teñen menos de sesenta anos— son seiva propia.

En todo este conglomerado a memoria actúa como un bálsamo e como un cemento á vez. A longa historia do partido unifica e dá corpo as historias persoais, como acontece tamén no PNV ou en ERC. Este fenómeno de amalgama é imposible noutras organizacións da esquerda. No caso da dereita o asunto nin lles toca, todas naceron despois de 1978 e todas teñen un problema coa memoria incómoda que non logran afrontar e por iso tampouco logran resolver. Son partidos sen memoria por veces empeñados en transmitir aos demais esa carencia, en vez de aproveitala coma vantaxe.

O PSdeG acaba de ter unhas eleccións internas que o fragmentaron en dúas partes case iguais, pero sóbralles ancoraxe para superar esa situación. Están afeitos, moito máis que outros partidos, e teñen onde agarrarse. Durante as catro décadas da ditadura o PSOE seguiu existindo sen organización nas familias, nas vilas e nas aldeas. Os resultados electorais das primeiras eleccións da actual democracia así o evidenciaron, por moito que siga buscándolle explicacións fantasiosas, fóra da responsabilidade dos propios votantes. Ademais, e non menos importante, o PSOE, como ERC e o PNV, teñen e alimentan a súa memoria de goberno. Memoria e vontade.