Seica hai rapaces que andan a repetir vellos xogos por mor dunha violenta serie coreana de enorme éxito. Por curiosidade, e arrastrados por ese andazo mediático, puxemos o primeiro capítulo na casa, onde todos somos maiores de idade, pero axiña fiquei só diante da televisión. Ao que apareceron as primeiras escenas explícitas, o resto da familia abandonou, rexeitando a serie por macabra. Para alguén a quen lle gusta Parasitos ou as pelis de Tarantino, o sangue aquí é secundario, e confeso que a estética e o argumento parecéronme atractivos dabondo como para seguir vendo máis capítulos. O que non podemos é atacar directamente a serie e non a quen ten que pór os límites para que un rapaz poida vela ou non. É un tema vello. Cando miramos cara atrás, a memoria comparece envolta na imaxinación e adoitamos adornar a infancia coma un lugar ideal e brando. Mais a pouco que rañemos no contido dos nosos recordos asomará algún trauma conxelado pola violencia, moitas veces froito de emular actitudes que viamos na tele ou no cine. Falo doutro século, si, cando non todo era Heidi ou A casa da pradeira, e viamos ben noviños películas onde se repartía tanta leña que ficaba en nós o desexo de trasladala axiña aos nosos xogos. Se nos preguntamos se hai certa inercia en nós cara á violencia, as respostas case sempre están na infancia. E nesa patria idílica é onde hai que poñer o máximo coidado para tratarmos de non converter a violencia en algo lixeiro e frívolo. Vixiar o que ven os nosos fillos, non deixándoos sós no cuarto con total liberdade para matar a eito nunha consola ou para accederen a esta serie. De non ser así, a culpa será nosa cando a realidade devolva os efectos desas ficcións nunha matanza no patio dun colexio, coma a do instituto de Columbine.