Franco está de moda

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Zipi

10 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo nunha entrevista a Paul Preston que, cada vez que di que as redivivas ultradereitistas en España teñen os días contados, xorde «un brote de franquismo preocupante». Pode ser que ese sexa o noso estado actual? Ao noso redor prolifera a nostalxia segundona, a santificación dos psicópatas, a ostentación das aguias negras e, sobre todo, as palabras do franquismo: ese soniquete á retórica do NO-DO que reaparece en rapsodas que xeneralizan co masculino, decoran con epítetos de poema relixioso e empregan cultismos só usados, fóra dos manuais de ortografía do franquismo, polos cursis xerarcas do Réxime. Si, hai un brote de franquismo que campa resucitando o pasado da peor maneira posíbel, a que extrae a cafeína das infusións con que se alimentaba a idea de que a España lle sobraban aproximadamente sesenta de cada cen persoas, e que, por tanto, cumpría exterminalas. E seguimos sobrándolle.

Visto así, nin sequera Franco é tan franquista como debería. Estamos ante unha versión cool, actualizada, que arrasa entre unha rapazada que ora che berra no salón de actos do instituto que o feminismo é unha invención, ora che amosa con orgullo esa tatuaxe dunha cruz gamada, agasallo do papá ao facer quince. É a cuadratura do círculo, a apisoadora que faltaba para poñer a guinda á nosa maltreita memoria histórica: que o capital, o márketing, e as tendas de souvenirs puxesen de moda a Franco, toda vez que xa se gastou a España cañí e se nos desideoloxizou, quizais porque logrou globalizarnos ata parecer que todas somos a sevillana na televisión ou, nunha versión máis moderna, Rosalía na MTV.

Si. Un brote de franquismo preocupante. Pero os mortos seguen nas cunetas.