A avoa (galega?) de García Márquez

Cristina Sánchez-Andrade
cristina sánchez-andrade ALGUIEN BAJO LOS PÁRPADOS

OPINIÓN

15 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que tanto se fala da Galiza profunda e da sentenza da xuíza de Marbella, lémbrome de García Márquez e da viaxe que fixo en 1983 a Santiago. Para el, a Galiza non era un lugar que había que rexeitar por estar «lejos de todo y no ofrecer opciones laborales», senón máis ben o contrario: un lugar máxico e inspirador que tiña moito que ver co seu propio universo narrativo. Durante toda a súa vida, con alusións espalladas aquí e acolá, con frases equívocas e cabos soltos, alimentou o enigma de que a súa avoa, Tranquilina Iguarán, que lle contara as cousas máis atroces sen se abalar («con cara de pau», como dicía o escritor), era galega. En numerosas ocasións comentou que os seus avós eran descendentes de galegos, e moitas das cousas sobrenaturais que lle contaban proviñan da Galiza. Neste senso, a avoa era a conexión co mundo neboento e misterioso das súas novelas e contos, mundo cunhas enganosas —e ás veces inexistentes— fronteiras entre os vivos e os mortos. Mais, era realmente galega a avoa de García Márquez?

 Esta é, precisamente, a pregunta disparadora do interesante libro, A Galicia máxica de García Márquez (Xerais, 2013), de Carlos G. Reigosa, que segue os pasos do escritor na súa visita a Santiago. Alén de se preguntar, ao ollar a catedral por vez primeira, como era posíbel que «as pedras florecesen», no seu periplo pola capital, o premio nobel colombiano xantou no restaurante Compostela. Alí contou aos seus interlocutores que era moi amigo de Fidel Castro e que tiña o desexo de lle levar un lacón ou uns chourizos galegos. Após a súa pasaxe pola praza do Obradoiro, «atordoado e marabillado, (tamén) someteuse ao ritual de achegar a súa cabeza á do Mestre Mateo —ou santo dos croques— e abrazar o Apóstolo». Desa viaxe ficaron dous testemuños de primeira man, publicados no xornal El País, que aínda poden encontrarse na Internet. O primeiro é un recomendadísimo artigo de 1983 do propio escritor colombiano titulado Viendo llover en Galicia e o segundo Gabo, en Compostela foi escrito por un dos seus privilexiados anfitrións nesta viaxe, o doutor Domingo García-Sabell, daquela delegado xeral do Goberno e presidente da Real Academia Galega.

Seica a avoa Tranquilina non nacera na Galiza, mais si descendía dunha estirpe de galegos que chegaran a Venezuela, e que de alí pasaran a Colombia. Sexa como fora, o escritor, ao contrario doutros (ou neste caso, doutra), si soubo apreciar as marabillas da cultura galega, comparalas co seu universo e integralas no que se vén chamando realismo máxico (que, falando disto, non é moi diferente do que facía Álvaro Cunqueiro, por exemplo). Fiquen vostedes coa postura que prefiran. Eu téñoo claro.