O mercado do algoritmo

OPINIÓN

Pawel Kopczynski | Reuters

01 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que remato unha novela doulle o borrador á persoa coa que vivo e, sen que ela o saiba, vixío coma un obseso o progreso da súa lectura para saber en que páxina para ou en que intre do texto apaga a luz. Teño medo de que na altura desas pausas a historia perda forza e precise un cambio. Esa vixilancia doméstica talvez a podería substituír por un deses algoritmos que usan as plataformas dixitais para configurar os nosos gustos. A todo chegaremos, con certeza.

Hai un par de días fiquei abraiado cando souben que o algoritmo, que tanto sabe de nós, tamén fai que flutúe o prezo dun hotel ou dun avión dependendo da marca do dispositivo dende o que nos conectamos. É dicir, se chamas dende un teléfono caro o máis probable é que o prezo da viaxe suba un chisco máis porque se axeita ao teu suposto poder adquisitivo. Mesmo o algoritmo tira doutro tipo de información, como por exemplo da batería do móbil; se está baixa, métenche unha suba diante da urxencia por mercares.

Con independencia dos problemas éticos que supón este tipo de abusos, seica é unha práctica legal contra a que un non pode loitar nin na realidade nin nos tribunais. Non queda outra que convivir con esa elasticidade nos prezos e a sensación de que a nosa decisión é a cada volta máis irrelevante. Cada rastro que deixamos na Rede é coma unha prenda da que nos desfacemos e que nos deixa espidos para que o noso comportamento sexa analizado. Neste mundo dixital, o privado comeza a ser unha utopía. Pon medo pensar que cada vez que escollemos unha película, un pantalón, un libro, unha noticia... estamos a construír a nosa identidade para entregala a un ente que decidirá por nós e que nos venderá polo que en realidade somos: un simple produto de mercado.