O pasado 11 de decembro Unicef, a axencia de Nacións Unidas responsable de axudar a nenos de todo o mundo, fixo 75 anos. Sorprende a escasa repercusión mediática deste aniversario, a pesar de ser a axencia da ONU de maior prestixio e coñecemento público, superando ao da OMS (saúde), Unesco (educación), FAO (agricultura e alimentación), ACNUR (refuxiados), PMA (Programa Mundial de Alimentos), PNUMA (medio ambiente)... e por suposto moitísimo máis que os maléficos Fondo Monetario Internacional e Banco Mundial.
Unicef naceu en 1946 co nome de Fondo Internacional de Emerxencia de Nacións Unidas para a Infancia (de aí as siglas de Unicef) para proporcionar axuda humanitaria aos nenos europeos despois da terrible Segunda Guerra Mundial. En 1953 sumou como obxectivo a promoción dos dereitos da infancia. Con sede en Nova York, recibiu en 1965 o Premio Nobel da Paz, e en 1989 acadou un notable éxito: a aprobación da Convención dos Dereitos do Neno. Hoxe traballa en 193 territorios.
En España existe o Comité Español de Unicef, publicitada como Unicef, unha confusión, pois é unha entidade privada, unha ONG podemos dicir. E conta cunha base social notable, máis de 400.000 persoas, o que a sitúa entre as tres entidades de maior apoio, xunto con Cruz Vermella e Médicos Sen Fronteiras, das que se diferenza en traballar sen o control gobernamental da Cruz Vermella, e carecer do divismo de Médicos Sen Fronteiras. Máis aló, ten unha aparencia institucional e o seu obxectivo primario, a infancia, consegue unha imaxe tenra e positiva.
Como tal ONG, Unicef-España debe respectar varios principios: independencia (que cumpre, pois dos máis de cen millóns de ingresos anuais só un 8 % teñen orixe pública), transparencia (contas e actividades accesibles na web) e uso de medios lícitos e axeitados. Isto afecta, por exemplo, á xestión do persoal, á captación de fondos (como o «testamento solidario»), ou á promoción da entidade. Un caso a evitar, por exemplo, é a famosa gala anual que celebra Cruz Vermella no Principado de Mónaco, que é un desfile de vaidades e espello da alta costura. Lembremos que nos últimos anos a entidade matriz, Unicef, ten designado a celebridades como embaixadoras mundiais: Leo Messi, Shakira, David Beckham, Susan Sarandon... unha iniciativa que en ocasións chirría, pois pese á visibilidade que se obtén chega a ser contraditorio que personaxes multimillonarios lancen mensaxes de loita contra a pobreza.
Dito isto, aplaudimos o labor de Unicef. Por certo, cando deixará de ser necesaria?