Búsqueno polas redes. É doado de atopar o vídeo no que un ancián Tony Bennet, 96 anos, o grandísimo cantante, que padece alzhéimer, que case que non se sostén en pé, que é incapaz de articular unha soa frase con sentido, que non recoñece os seus familiares e amigos, está con Lady Gaga e, ao escoitar os primeiros acordes de In other words, é quen de cantala, enteira. Lady Gaga axeónllase diante do mestre. Eu faríao e bicaríalle os pés. É un instante único e ela é consciente. Eu, vexo o vídeo e choro, coma un home de verdade. É imposible de soportar tanta beleza sen que doa. Tony Bennet non só a canta completa senón que co seu corpo subliña con cada aceno, cada sílaba dunha das máis fermosas cancións de amor que se teñan escrito nunca.
A música obra esas milagres. Pregunteillo unha vez a James Rodhes, nun encontro cun pequeno grupo de xente en Vigo, que como explicaba que xente con alzhéimer e outras doenzas, que non responden a ningún estímulo, que viven dentro dun pozo de silencio e incomunicación, sexan quen de arrancarse a cantar sen esquecer unha soa sílaba de tonadas longuísimas. Díxome que non o sabía, pero que así era. «A música sálvanos a vida», completou.
Teño estado con grupos de doentes de toda clase de demencias e comprobalo. Que a música, dalgunha maneira, os resucita para este mundo, que os trae de volta. A xente das ucis tamén volo pode confirmar: a de milleiros de persoas en coma, algúns incluso durante anos, aos que se lles pon uns auriculares e, de súpeto, unha canción espértaos. Lía hai nada a historia dunha pequena de sete anos, de Ecuador, que o fixo cando a súa nai lle puxo unha canción de Adele, a súa favorita.
Levo ben de anos pedindo que o ensino musical forme parte máis activa do currículo escolar. Que pensen de min o que queiran, pero probablemente é máis importante que as matemáticas ou a física. Poucos de nós aplicamos eses coñecementos na vida diaria. Non direi que non importen. Só digo que no camiño da vida fai moito máis ser quen de emocionarse con Yesterday que saber que acontece cando o límite de x tende a infinito.
Esta sociedade está baleira de música. Na era do streaming consumímola sen comprendela, como acontece nesas canles de televisión onde o reguetón aseñora e converte os acordes en nadería, e as partituras, si, en demencia.
Tonny Bennet canta diante dunha Lady Gaga morta de emoción. Vexo o vídeo en bucle e trago as bágoas comprendendo que tiña razón Newton cando dixo que a mecánica celeste, en realidade, é musical. Despido un ano e recollo a esperanza doutro que entra, cantando. Os meus xa saben que, cando se me marche a cabeza, teñen que poñerme todos os días aos Beatles. Serei o vello demente que canta día e noite, algo feliz. Coma Bennet.