Rematamos o ano e, queirámolo ou non, a pandemia volveu ser protagonista. Mais esta saturación de noticias sobre ela, e tamén sobre outras desgrazas, coma a provocada polos ríos de lava de La Palma, axudaron a amortecer os berros estentóreos da política que procura nos xuramentos e nos insultos o mellor camiño para chegar a Madrid. Se cadra non sexa cousa de drogas, coma no Parlamento británico, pero, vendo como se aceleran algunhas señorías, custa imaxinar que toda esa enxurrada polemista sexa algo natural e espontáneo. E non queda nada. Ao que se acheguen as vindeiras eleccións xerais, os foguetes verbais serán a cada volta máis explosivos. Non sei por que, pero estas arroutadas son mareantes ata o vómito e fan que lembre cando as miñas fillas eran pequenas e iamos en coche visitar os avós a Madrid. Eran viaxes eternas polos mareos. Coñeciamos todos os baños das gasolineiras que había no camiño e non quedou outra que recorrer á biodramina para que, polo menos, parte do traxecto o fixesen durmidas. Para entretelas, comezabamos a viaxe cantando e, pouco a pouco, antes de abandonarmos Galicia, a droga facía o seu efecto e ficaban esmagadas por un sono pesado que duraba cando menos ata Tordesillas. Era un descanso para quen conducía. Pero unha vez equivoqueime e pedín na farmacia a apócema máxica con cafeína e déillela ás cativas. Non esquezo os efectos nin a sorpresa ao ver polo espello que, máis ca fillas, tiña dous gremlins inquietos, cos ollos regalados, que non paraban de dicir «canta papá». E foi terrible, porque non abondou o repertorio musical nin a improvisación para facermos aquela viaxe infinita, que probablemente se pareza un pouco á dalgúns políticos que teimarán en chegar a Madrid con toda a excitación da cafeína.