Malditos test

Xosé María Torres Bouza
Xosé María Torres FARMACÉUTICO. MEMBRO DE FARMAMUNDI

OPINIÓN

Miguel Ángel Polo

15 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Máscaras, luvas de nitrilo, EPI, vacinas e agora os test. Este coronavirus non para de darnos sobresaltos. O pasado xoves, 13 de xaneiro, o Goberno fixaba en 2,94 euros o prezo máximo de venda dos test de antíxenos do virus do covid-19. Trátase do segundo caso de intervención de prezos tralo das máscaras faciais, 0,62 euros, a finais de 2020.

Na véspera de Noiteboa un partido galego solicitaba a fixación de prezos dos test; non sorprendía dada a súa ideoloxía; pero esta mesma semana un partido español de centrodereita esixía que o Goberno fixara en 2 euros o prezo destes test. Como? Un partido liberal (matriz do ultraliberal partido nacionalista madrileño) defendendo a intervención do sagrado mercado? Isto que é, Venezuela?

Recapitulemos. O 20 de xullo de 2021 o Goberno autorizaba a que as farmacias dispensasen libremente os test de antíxenos, que ata entón requirían receita médica, unha restrición igual de ridícula que esixila para un test de embarazo. Desde entón as vendas foron moi limitadas, e os prezos á baixa. Pero en decembro, a explosión de casos de covid disparou a demanda de test en toda España, e nos días previos á Noiteboa moitas farmacias esgotáronos. Os custos nos provedores pasaron de 3 a 5 euros ou máis por test, e iso se os tiñan. Eu mesmo teño participado en poxas telemáticas con máis tensión que a dun Picasso en Christie's. Como resultado, se os tiñan, nas farmacias vendíanse a un prezo de 6-8 euros. Algúns acusaron ás farmacias de especular; non digo que non existiran casos, pero tamén é certo que en 2021 entregaron en Galicia centenares de miles de máscaras cirúrxicas, decenas de miles de test do Sergas, e imprimiron centos de miles de certificados de vacinación. Todo gratuitamente e sen cita previa. Pero poñamos a psicose polo gasto en test na súa xusta medida: segundo a consultora do mercado farmacéutico Iqvia, en todo o 2021 dispensáronse pouco máis de 21 millóns de test. Como en España somos algo menos de 47 millóns de habitantes quere dicir que cada español adquiriu algo menos de medio test, e gastou polo tanto 3-4 euros.

Xa o dicía Maquiavelo, o príncipe virtuoso debe actuar coa astucia do raposo. Que os fogares e negocios están pagando prezos estratosféricos pola enerxía eléctrica, e hai industrias paradas por iso? Pois fagamos algo, por exemplo, que os cidadáns paguen 2 euros ao ano en lugar de 3-4. Así andamos.