Desde que saíu a noticia disparouse a controversia. Os neumólogos, a través da SERPA (sociedade española de pneumoloxía e cirurxía torácica) situáronse a favor de que se prohiba fumar nas terrazas ao aire libre, e parece que esa medida vai incorporarse á reforma da lei antitabaco vixente. Unha asociación de non fumadores reuniu xa máis de 150.000 firmas que enviarán á ministra de Saúde para apoiar a medida.
Un exemplo das posicións irreconciliables sobre este tema son os 52 comentarios á noticia publicada neste xornal o 20 de xaneiro. Os que están en contra aducen que máis contamina o fume do tráfico, das calefaccións, das fábricas; e máis perigosos son os que corren sen máscara, ou os que non se vacinan. Os que están a favor propoñen prohibir a venda de tabaco, multar aos fumadores. Os propietarios de bares falan de ruína, igual que os hostaleiros cando se prohibiu fumar nos restaurantes…
Discusións aparte, hai feitos certos que non se poden eludir: o tabaco mata o ano en España 60.000 persoas, da cales unha parte non pequena son fumadores pasivos. A iso hai que sumar a contaminación ambiental das cabichas, verdadeira praga que invade todos os recunchos de planeta. E agora engádese un problema máis: o fume exhalado polos fumadores séntalle ben aos virus, a todos: permítelles manterse máis tempo no aire e desprazarse máis lonxe que cunha respiración normal.
Como o ben común debe estar por encima do pracer, a liberdade ou o interese individual, os gobernos teñen que lexislar en consecuencia. Esperemos que así sexa.