A moza do presidente

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Rodrigo Garrido | Reuters

25 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Só hai unha cousa tan comparábel ás xerras chinesas coma os ex presidentes: as parellas dos presidentes. Aquí sabemos bastante diso, gobernadas por alguén que foi cualificado (perdóeme) como «solteiro de ouro» e que convive cunha discreta muller á que non lle pasa pola cabeza romper a sona de executiva independente para aparecer como floreiro. Probabelmente iso non sucedería se a pouco chorada Carmen Romero non marcase unha pauta difícil na época en que gobernaba o seu home, Felipe González: eran os oitenta e noventa, a memoria da temíbel Carmen Polo aínda estaba quente, e todo por facer canto ao convencemento feminista do PSOE. Só nos tempos de Aznar a sempre bochornosa Ana Botella acabou con aquilo de que os presidentes gobernasen en solitario, sen outorgar con calzador labores de goberno a alguén que ninguén votara. Pero claro: lograron convencer de que os matrimonios así de namorados estaban chamados a poñer a proba a máxima romana sobre a muller do César. Que facer cando amas tanto que mesmo queres compartir o poder?

Esa é tamén a bonita mensaxe que guindou ás redes na súa noite electoral Gabriel Boric, flamante presidente de Chile, posando coa súa parella: «Somos máis cando estamos xuntos», e probabelmente nos excedemos na romanticallada ao lela como unha declaración de amor. Ela, Irina Karamanos, politóloga e activa feminista do mesmo partido, vén de sucumbir non ao amor romántico, senón a esoutra institución do patriarcado que tan ben se lle dá á política: o Poder.

Desde o 11 de marzo, o despacho de Karamanos, dedicada a esas cousas de señoras como fundacións culturais, estará situado na mesma oficina onde Salvador Allende se suicidou. A min paréceme unha elocuente rima da historia, e un aviso a navegantas.