Os corazóns discretos

OPINIÓN

CARLOS CORTÉS

27 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano é o 20 aniversario da morte de Camilo José Cela e Carlos Casares. Os dous eran grandes escritores e conversadores, pero había entre eles unha distancia sideral con respecto á prudencia e á discreción, valores que, de primeiras, non teñen por que engadirlles melloras a calquera dos seus libros. Cando estas características se irmandan, lemos un pouco máis co corazón. Por iso resulta terrible amarmos obras de seres desprezables e desprezar obras de seres que amamos. Sabemos que ser unha boa persoa non garante nada palpable na creación. E iso pode parecernos moi inxusto. Máis dunha vez, nesas xuntanzas de amizades do mundo da escrita, non gusto cando alguén introduce na conversa algunha crítica a persoas que non están e que, por regra xeral, gozan dalgunha clase de éxito literario. No fondo, estas rexoubas só deixan flotar a envexa e esa escura aspiración de ocupar o lugar das persoas criticadas. O mellor nestes casos é fuxir axiña e procurar o acubillo doutros temas máis interesantes e con persoas que fan da discreción unha ferramenta elegante e educada. Recoñezo que, por desgraza, a altura literaria ou intelectual non sempre vai parella á discreción, pero cando estas dúas circunstancias converxen, o efecto atractivo é multiplicador.

Velaí o exemplo dos últimos premios nacionais de poesía e narrativa que lles deron a Olga Novo ou Xesús Fraga, humildade e grandeza para celebrarmos, ademais de co cerebro, co corazón, como lle acontece a moita xente cos libros de Carlos Casares e non así cos do Nóbel padronés.