Hai na vida momentos marabillosos nos que sentimos que as cousas son como deben ser, e os feitos suceden como deben suceder: o caos desaparece, ordénase, soa no noso interior a música das esferas da que falaba Frei Luís de León, e sentimos o que Jorge Guillén resumiu nun verso do seu poema Beato sillón: «El mundo está bien hecho». Momentos únicos nos que de súpeto desaparecen as inxustizas, as guerras, as enfermidades, a morte, todo o que causa dor; e invádenos unha alegría pura, xenerosa, que nos reconcilia coa existencia. Son só instantes, momentos breves, pero existen.
O domingo pasado vivímolo millóns de persoas. Uns poucos en directo, os outros a través dunha pantalla de televisión: unha pelota amarela estrelábase ao pé dunha rede nunha cancha de tenis. Tras cinco hora e media de incerteza e de sufrimento, caeu onde debía caer, e o rostro de Nadal iluminouse cun sorriso onde brillaban a un tempo o asombro e a alegría. Miraba a bóla como mira o neno o agasallo que lle trouxeron os Reis, sen acabar de crelo, coma se non fose o resultado de cinco horas de loita, de esforzo case inhumano, e de anos e anos de non renderse nunca; coma se non houbese escafoides rotos, e dedos vendados… Sen deixar de sorrir sacudiu a cabeza: Si, sucedera. Durante un instante todos sentimos que aquilo era o xusto o que debía ser, o que se gañou ao longo de cinco horas e media de loita contra o desalento e o cansazo, e ao longo de máis de vinte anos de ser un bo deportista e unha boa persoa. Nadal gañara. Nese instante máxico sentimos que «o mundo está ben feito».