Sexan menos arbitrarios con Galicia
OPINIÓN
Galicia agarda con ilusión un investimento fundamental para a súa recuperación económica como son os fondos europeos Next Generation. Pero, ata agora só é iso, unha ilusión.
Antes da covid-19, a Xunta xa tiña sobre a mesa proxectos industriais para construír a Galicia do futuro, unha Galicia mellor que aposte pola súa dixitalización, a innovación, as enerxías renovables e a sostibilidade, e que amose o seu máximo compromiso co rural.
Tras a aparición da pandemia e o anuncio da Comisión Europea de dotar de fondos extra ós estados membros, temos unha oportunidade única para afianzar a recuperación económica, pensando sobre todo nas pemes.
Levamos moito tempo preparando a nosa candidatura aos fondos europeos porque partimos da premisa de que é necesario pensar no futuro, de achegar confianza para deseñar todos xuntos a Galicia de 2030. Por iso, estamos traballando da man de todos os axentes, identificando novas oportunidades e consensuando as propostas; ao mesmo tempo que seguimos desexando que a cogobernanza e axilidade na asignación dos fondos da que fala o Goberno sexa, por fin, unha realidade.
Porque a arbitrariedade e lentitude amosada ata agora polo Executivo central preocupa, e bastante, a Galicia. Xogámonos moito, entre outras cousas, que esta lentitude non supoña un freo á recuperación económica.
O Goberno pediu ás comunidades autónomas que presentasen a súa candidatura cos proxectos que entendían que podían acceder aos Next Generation. E cumprimos coa nosa parte con iniciativas a prol dunha Galicia máis verde, máis innovadora e máis cohesionada social e territorialmente. Ata o de agora non tivemos resposta.
Despois, o propio Goberno, apurado polos prazos, solicitou ás autonomías que entregasen unha lista máis concreta de proxectos estratéxicos. E desde Galicia cumprimos de novo: remitiuse á Vicepresidencia Primeira unha proposta vinculada a sectores esenciais da nosa economía, como o forestal (coa planta de fibras téxtiles), a automoción (o proxecto AutoÁncora, de Stellantis, a industria auxiliar e CTAG), a biotecnoloxía e a saúde personalizada (coa fábrica de vacinas de Zendal), o agroalimentario (con Anfaco-Cecopesca, Estrella Galicia, Jealsa, Profand, Cafés Candelas...) ou a economía circular (co centro de transformación de xurros en fertilizantes e biogás). Pero de novo, seguimos sen recibir respostas.
Neste listado de dúbidas e incertezas que rodea aos fondos europeos que xestiona o Goberno tamén hai que incluír os Pertes, os proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica. No caso concreto da automoción, a situación aínda é máis grave, porque o Goberno xa anunciou unha fábrica de baterías para Cataluña antes incluso de abrir o prazo de admisión de solicitudes. Un proceso para o que, por suposto, tampouco houbo un diálogo aberto co resto de comunidades autónomas e co propio sector, tendo en conta ademais que Galicia é o primeiro fabricante de vehículos do país.
Unha asignación de fondos que nin sequera respecta as propias competencias das autonomías en materia industrial. De feito, o Goberno quedouse para si a totalidade da contía: 16.000 millóns de euros, sen dar marxe de manobra ás comunidades autónomas.
Os fondos non son do Goberno nin de ningún partido político. Son de España e de Galicia. Por iso precisamos máis transparencia, igualdade de condicións, así como garantías para que os fondos cheguen ás pemes e poidan afrontar mellor así o paso cara a unha economía máis dixital e sostible.
Galicia está preparada para converter os fondos europeos nunha oportunidade para a transformación do tecido produtivo, pensando especialmente nas pequenas e medianas empresas. Oxalá que a xestión final dos fondos europeos non acabe como en Benvido, Míster Marshall, coa caravana do Goberno pasando de longo. Precisamos que, esta vez si, e non como na vila castelá da película de Luis García Berlanga, se deteña en Galicia.