Comeza o entroido na miña vila a medio gas. Nin petardada nin fariña. Medidas consensuadas que se ensaian por vez primeira en Xinzo, sempre na cabeceira de todos os entroidos galegos por ser o de maior duración no calendario. Seica hai que converter o sentimento en sentido común, coma se a razón estivese ao dispor de todo o mundo, e máis cando o carro se carga de alcol. Teño para min que o autocontrol non vai abondar. Mais tamén non son quen de secundar esa prohibición que reclaman algúns e para a que os concellos carecen de autoridade e xurisdición.
Así que non quedará outra que descargarmos toda a nosa confianza na responsabilidade da xente e nesa máscara sobre máscara que se cadra atenúe os contaxios desta pandemia que xa parece un eterno pesadelo. O certo é que a miña vila, que xa tivo que borrar un entroido do almanaque, non o quere facer máis. Non sei cal será o papel das pantallas nesta ocasión tan restritiva, nin sei se saíran troulear á rúa. Eu, aínda que toleo por facelo, non o vou facer. É unha decisión miña, quero crer que prudente.
Agora ben, tampouco criticarei a quen o faga sempre e cando atenda os protocolos habituais para evitar a transmisión. Todas as precaucións son poucas e máis cando, tal como se prevé, vai haber concentracións de xente que, se o tempo vira as costas e lle dá por chover, non lle quedará outra que buscar o acubillo nos bares. Non é moi doado conciliar tantos intereses, ás veces, contraditorios.
Con todo, estrañaríame moito que a miña vila se conformase cunha festa simbólica. Talvez se abra unha oportunidade de ouro para recuperarmos, aínda que sexa por un único ano, unha versión auténtica e máis tradicional do entroido, sen barullo turístico nin orquestras nin desfiles. Oxalá!