Unha máis

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Miguel souto

13 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Si, unha máis. Unha moza de dezasete anos que foi vítima dun mozo de dezanove que puxo en práctica aquela norma bárbara e estúpida que criamos superada: «Mateina porque era miña». Unha vez máis , un home do século XXI, creu que unha muller é un animal, menos aínda, un obxecto que lle pertence, do que pode dispoñer ao seu antollo e que pode destruír cando lle praza. E non se trata dun empuxón ou dun golpe dado no acaloramento dunha discusión e que ten fatais consecuencias. Non, asestoulle varias coiteladas. E despois ocultou o cadáver. Sabía o que facía.

 

Como puido suceder? Que está a facer mal esta sociedade para que sucesos así sexan tan habituais? Analízanse os factores sociais, búscase a relación coa frustración da mocidade, con problemas como a falta de traballo ou a discriminación racial… Desde as aulas dos colexios aos medios de comunicación, en todas partes alértase ás adolescentes sobre os perigo dunha relación na que o mozo controla á súa parella (non te vistas así, con quen saes, quen te chama ao móbil…) E os resultados son nulos. As mozas seguen vendo eses sinais de dominio como mostras de amor, e os mozos venas como unha forma de poder que non están dispostos a perder, porque o identifican coa súa natureza.

Quizá sexa pronto para ver os resultados das campañas de concienciación. Hai que seguir insistindo, cos máis pequenos sobre todo, cos que aínda non están deformados por costumes e ideas doutros tempos nos que a muller era unha posesión do home (pai ou marido), un ser sen destino propio, sen autonomía. Foron moitos séculos e é difícil borrar os restos daquela situación.