Marcos 14:14,15: «Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel», dixo Cristo ao ver os discípulos rifar á rapazada que andaba molestando. E así, a golpe de versículo, quedou clara a relación que a Igrexa debía manter cos nenos, polo xeral simplificada na primeira frase. Mais o importante é o fermoso final da cita: o Reino de Deus é para quen mantén o espírito verdadeiro da nenez.
No Santiago dos 80, o da Transición mal feita e a educación en mans de colexios relixiosos, chegou a haber ingresos hospitalarios a causa dos malos tratos. Hai trinta anos daquilo, pero eses nenos son agora parlamentarios, xornalistas ou só homes que tentan vivir con cicatrices que non prescriben e proen cando, ao lembrar hoxe algúns cóengos cuxos comportamentos inadecuados todos sabiamos, aínda comparece a xustificación da época: unha fea consecuencia do celibato.
Cabe nun parágrafo —o primeiro desta columna— o motivo polo que a Igrexa pode repudiar cregos, irmáns e achegados que empregaron os espazos onde deixou que os nenos se achegasen a Cristo para facer o contrario do que este mandou. Se non se pode entrar no Reino de Deus despois de andar zoscando e abusando de nenos, non parece lóxico que, no Reino de España, haxa que agardar a que San Pedro dirima, xa coas almas separadas dos corpos, tan delicado asunto. Pero tivo que ser un medio de comunicación o que, despois de centos de testemuñas, lle subira as cores ao papa e ao Goberno. Pero aí seguen eses nenos agardando a que realmente se lles repare a dignidade, xa que ninguén vai volverlles a infancia furtada polo gran pecado da Igrexa.