Atención saturada

Antón Riveiro Coello
Antón Riveiro Coello O ESPOLÓNÉ

OPINIÓN

25 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia non deixa de roubar tempo e segue a poñer a proba o noso sistema sanitario que seica está, ou estaba, entre os mellores do mundo. Non quero nin imaxinar como será noutros lugares se a demanda medra case ao mesmo tempo que se reduce o persoal sanitario por mor de baixas e vacacións sen cubrir, con quendas que se dobran até a extenuación. Esta sobrecarga fai que quen xa teña certa idade volva lembrar vellos tempos coa xente amoreada nas escaleiras ou facendo colas interminables para que a atendan. Se a nosa médica ten que recibir unha media de cincuenta pacientes por día e apandar con toda a burocracia que leva aparellada o virus do covid con asintomáticos, sintomáticos leves ou crónicos, o máis probable é que tolee e non poida prestar a debida a atención a todas as persoas, mesmo a aquelas con patoloxías crónicas e graves. Comprendo a súa desesperación e sei que tamén pode ser a miña se tardan en me dar cita ou, cando ma dan, me despachan axiña. Esta presión asistencial pon en claro un problema de vello que vén denunciando o persoal médico na súa loita por reducir tanta fartura de usuarios que lle impide facer o seu traballo en condicións. Tal como están as cousas non fago máis ca lembrar con certa saudade o trato e a profesionalidade exquisitos daquel pediatra que case todas as semanas visitabamos porque a miña filla pequena, delicada de saúde, sempre tiña algún arrefriado ou indisposición que adoitaba apañar na gardería. El atendíanos cunha puntualidade suíza, dedicábanos o tempo asignado e mesmo nunha ocasión, vendo que xa levabamos dúas semanas sen ir á súa consulta, chamounos para nos preguntar se á nena lle pasaba algo, un interese impensable hoxe en día por culpa da saturación.