O galego: lingua propia e non só
OPINIÓN

Os datos respecto da evolución do uso do galego deitados recentemente polo barómetro trimestral de Sondaxe veñen subliñar as tendencias xa perceptibles nos resultados sucesivos do Instituto Galego de Estatística e doutros traballos sociolingüísticos anteriores. A perda de falantes entre a mocidade é, sen dúbida, un problema preocupante que mesmo podería, desde algunhas perspectivas, semellar irreversible, mais coido que a mudanza de tendencia é posible. O galego é, por suposto, a lingua propia de Galicia, a que os galegos e galegas crearon ao longo dos séculos e legaron aos seus descendentes ao fío das xeracións, en situacións ben complexas e hostís en moitas épocas. Mais o noso idioma é moito máis ca iso: abrazar o galego en Galicia, mesmo para quen non se educou nesta lingua, para quen vén de fóra ou medrou falando castelán, implica defender, a través deste sinal de identidade, a diversidade lingüística e cultural do mundo, identificarse cun xeito de pensar respectuoso coas minorías e as diferenzas, oporse á homoxeneización e á perda das culturas.
A mocidade amosou, en numerosas ocasións, unha meirande empatía cos contradiscursos. A súa conciencia coa crise medioambiental e o problema do cambio climático é maior cá dos máis vellos e, como consecuencia, son tamén máis conscientes da acelerada perda da diversidade biolóxica e o ritmo de extinción das especies, non comparable case a ningún outro momento da historia. Trátase dos rapaces e rapazas máis abertos da historia á diversidade en cuestións de xénero ou de orientación sexual. Implicalos tamén nun proxecto de defensa da diversidade cultural e lingüística é, sen dúbida, o único que pode reverter a perda de falantes. Somos moitos os que, coma min mesma, nos decidimos polo galego nun proceso no que mediaron reflexións ideolóxicas e a toma de conciencia histórica do que estaba a acontecer. A opción de facer do galego a nosa lingua de vida, de identidade, de escrita, foi un xeito de ir ao encontro das nosas raíces, á «lingua dos avós que temos mortos»; mais tamén un modo de entender a vida humana e asumir que esta é máis rica, interesante e feliz cando non se ve sometida a unha homoxeneización cultural esmagadora.
Se alguén criado nun contexto monolingüe como é Madrid (a escritora Rosa Montero) é quen de afirmar que unha lingua é «algo extraordinario, un dos maiores logros da mente humana, un éxito colectivo», e evocar en repetidas ocasións a deliciosa anécdota do naturalista Humboldt, quen ao atoparse co exterminio da tribo dos atures tomou o tempo e a molestia de documentar os 40 sons que reproducía un loro, último supervivente da lingua atur, ten que ser máis posible e doado para nós, cunha lingua de noso, estarmos dispostos a termar dela unha xeración máis, o que constitúe unha tarefa de todos.
A aposta decidida polo galego no ensino e na vida pública, como un acto de afirmación colectiva, é importante; mais non podemos perder de vista a centralidade do discurso que transmitimos arredor das linguas. Cómpre ilusionarmos á mocidade nunha arela colectiva e aproveitarmos a aposta europea por un posicionamento ecolingüístico que quedou posto de manifesto na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. Non abonda con políticas educativas á altura da demanda europea; cómpre xerar discursos sociais tamén acordes. Se fomos quen de facer que os nosos nenos e nenas se sentisen heroes na loita contra un virus, temos que ser quen de transmitirlles o orgullo de ser persoas con identidade, cunha lingua propia que, sen eles, esmorecerá sen remedio. Hai que facerlles comprender que falar galego en Galicia é o xeito de amar todas as linguas e que a perda de calquera lingua é un feito doloroso. Que tamén o inglés foi un día unha lingua do pobo e que se a lingua de Shakespeare ou Cervantes esmorecesen tamén nos doería. Mais, aquí e agora, esa postura e esa defensa pasa por falarmos galego.