Galicia asalta o mir 2022

Antonio Leonardo Pastor PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE DIRECTORES DE COLEXIOS PÚBLICOS DE A CORUÑA

OPINIÓN

E CUIÑA

08 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días o mundo do ensino estaba de celebración, coñeciamos unha moi boa nova: unha alumna da Facultade de Medicina de Santiago, Sofía Haselgruber, era a flamante número 1 no mir 2022. Parabéns para Sofía, gran traballo persoal para alcanzar o cumio do mir, gran mérito sen dúbida.

Mais esta gran nova fai que fagamos unha reflexión: isto supón un éxito como docentes tamén, por que non felicitar tamén a esa ou a ese primeiro mestre que lle ensinou as letras, a eses mestres das distintas etapas do seu ensino; e, como non, a eses docentes da Facultade de Medicina de Santiago, porque tamén supón un triunfo para eles, máis aínda cando a propia Sofía manifesta que a grande maioría das respostas recordounas da facultade.

Este número 1 de Sofía, por suposto e sen dúbida é froito do seu traballo, pero de forma indirecta é outro índice que nos manifesta a boa saúde que goza o sistema de ensino galego, pois navegando por el permítenos chegar ata o máis alto éxito. Este é un indicativo máis do bo facer de todo o mundo da docencia, dende a importancia que ten esa mestra ou mestre da etapa de infantil que ensina as primeiras letras ata o elo máis alto coa responsabilidade que supón ser conselleiro. Galicia exporta ensino, o noso modelo de «atención á diversidade» é motivo de copia por outras comunidades autónomas. Un dos puntos fortes do sistema educativo galego é que se sostén nunha estrutura sólida na que todos, cada un dende a súa faceta, aportamos o noso pequeno gran, e que toda esta estrutura atópase unida por unha canle que é a comunicación, importante verba esta. Comunicación que está operativa na xunta autonómica de directores, onde os directores que estamos nos centros expoñemos as nosas inquedanzas e preocupacións, e axudamos a mellorar.

En definitiva, corren tempos bos para o ensino galego, pero que isto non nos sirva para caer na relaxación: debemos camiñar atentos aos cambios da sociedade, para garantir as mellores oportunidades para o noso alumnado; eles son o futuro.