Albricias! Somos os primeiros europeos en crearmos un Goberno Démijov e o presidente de Castilla y León, Alfonso Fernando Fernández Mañueco, entra na historia a mandoblazos coma un novo Cid Campeador. Que o pacto con Vox non gustou en Europa, nin sequera ao PP europeo? E que se non gustou? Por que preocupármonos do que pensen e digan en Europa? Hai máis dun século que Unamuno escorrentou os nosos complexos cando sacou peito ante os europeos modernos e espetoulles aquilo de que non cómpre europeizar España, senón españolizar Europa. E niso estamos co Goberno Démijov.
Nunca os innovadores, os orixinais, foron entendidos e o presidente dos populares europeos, o polaco Donald Tusk, apañou un disgusto tremendo e comentou que o acordo de goberno PP-Vox en Castilla y León é unha triste sorpresa e espera que fose un incidente e non marque unha tendencia. A Donald Tusk haino que comprender porque en Polonia goberna a extrema dereita que reprime manifestacións pacíficas, coarta a liberdade de expresión, ataca os dereitos de homosexuais e lesbianas, e leva tempo aplicando medidas disciplinarias contra os xuíces que actúan como deben e non como lles mandan. Cando Donald Tusk fala do que supón o goberno da extrema dereita en Polonia, faino con datos: a Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea confirmou que o índice de agresións aos membros do colectivo LGBTI polaco foi, nos últimos cinco anos, o máis alto de Europa e que ningún dos casos denunciados deu lugar a un procesamento. En setembro de 2021, o Consello de Europa condenou a inacción do Goberno polaco que non combate a violencia contra as mulleres. Así, pois, compréndese a desazón do presidente dos populares europeos ante o primeiro Goberno Démijov de Europa.
Tampouco lle gustou nadiña ao alemán Manfred Weber, líder do grupo Popular Europeo e home listo como un allo, quen, para non ter que reprobar o Goberno Démijov, desviou a atención cara a Pedro Sánchez, dicindo que non pode dar leccións porque goberna coa extrema esquerda e con separatistas. Vale, pois que non as dea. Significa esa descualificación de Sánchez que Manfred Weber aplaude o Goberno Démijov en Castilla y León? Claro que non. Nin tolo faría tal cousa. En febrero de 2020, os votos da Unión Demócrata Cristiá, o partido de Ángela Merkel, e os de Alternativa para Alemania, o máis importante da extrema dereita, levaron á presidencia de Turingia ao candidato do Partido Democrático Liberal. A Ángela Merkel faltoulle tempo para desautorizar os seus deputados e, un día despois de ser elixido presidente, o político liberal dimitiu, disolveu o parlamento e convocou eleccións. Con Ángela Merkel, outros líderes de varios partidos coincidiron en sinalar aquel acordo coa extrema dereita como «a hora máis baixa da historia alemana desde a posguerra». E todo por votaren cun partido que, ideoloxicamente, se sente moi identificado con Vox. De maneira que, unha vez máis, o xenio de España —onte coa cruz e coa espada, hoxe co Goberno Démijov— fainos incomprendidos. Non importa. Spain is different! O problema teno Mañueco, que xa leva na chepa un vicepresidente de Vox e fala coma el. A ver se o descabalga ou van xuntos ao próximo congreso do PP. Xa se verá.