Compromiso e capacitación
OPINIÓN

A cidadanía coñece o intenso traballo que realizan a diario os traballadores das urxencias extrahospitalarias. En Galicia, ese traballo canalízase a través da Fundación Pública de Urxencias Extrahospitalarias 061. Estamos a falar de equipos de profesionais altamente cualificados e capacitados para dar resposta en minutos a calquera situación crítica. Sendo así, resulta ben difícil entender que nas últimas convocatorias de oposicións e listaxes de traballo temporal limitaran as especialidades que poden acceder a estas prazas.
Na última convocatoria de oposición, actualmente en fase de resolución, e segundo consta no Anexo I das bases, limítase exclusivamente a «Graduado/licenciado en Medicina e título oficial da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria ou a certificación prevista no artigo 3 do Real Decreto 853/1993, sobre exercicio das funcións de médico de medicina xeral no Sistema Nacional de Saúde». Cremos que limitar as posibilidades de optar aos mellores profesionais da medicina a tan só unha especialidade é contraproducente. Por que non dar opción a outras especialidades con acreditada experiencia para desenvolver este traballo?
Esta base da convocatoria vulnera dereitos doutras especialidades, como é o caso de Anestesioloxía. No noso programa formativo, e nas competencias profesionais que recolle o documento elaborado pola Comisión Nacional da Especialidade e aprobado pola Secretaría de Estado de Universidades e Investigación do Ministerio de Educación e Ciencia, menciónase de forma explícita a capacitación do anestesiólogo tanto na atención intrahospitalaria como na extrahospitalaria: «El anestesiólogo tiene campo de actuación en el medio extrahospitalario en el lugar donde se halle el accidentado o enfermo en estado crítico, así como en el medio de transporte utilizado para su evacuación».
A pandemia puxo de manifesto a nosa polivalencia e versatilidade e a nosa capacidade de liderado en situacións criticas: ese é o noso traballo diario. Por iso, desde a Asociación Galega de Anestesioloxía, Reanimación e Dor, e desde a Sociedad Española de Anestesiología, Reanimación y Tratamiento del Dolor, pedimos ás autoridades sanitarias galegas unha rectificación nas próximas convocatorias de oposicións e listaxes de traballo temporal, para que outras especialidades capacitadas poidan acceder a este traballo apaixonante, xa que esta anomalía só se produce en Galicia (queremos pensar que isto é froito do descoñecemento da nosa formación).
Non se deben facer convocatorias que poidan impedir que os profesionais que vaian atender os pacientes nas urxencias extrahospitalarias sexan os mellor capacitados, os máis ilusionados e con maior compromiso. Iso irá en beneficio dos doentes.