Máis guapos con máscaras

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

09 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que se consideran feos dixeron desde o primeiro momento que a eles a máscara favorecíaos. Soaba a broma, pero resulta que están no certo. Segundo un estudo realizado na Universidade de Cardiff por dous profesores da facultade de Psicoloxía, o cerebro, ao carecer de información sobre a parte do rostro que cobre a máscara, súplea, regularizando as faccións ocultas. É dicir, cando miramos a unha persoa que leva máscara, o noso cerebro fainos crer que a parte oculta carece de defectos: nada de narizóns con chepa, ou curvados cal pico de ave, ou gordos e colorados como pemento morrón ou chatos e con grandes buracos cheos de pelos. E o mesmo labor fai coa boca: fora beizos demasiado grosos ou demasiado finos, demasiado grandes ou ridiculamente pequenos! E remata a tarefa disimulando as papadas, as mandíbulas estreitas ou demasiado cadradas. En fin, que a unha moza cuns ollos ben maquillados convértea nunha beleza e a un mozo de ollos bonitos nun guaperas.

Non é cousa de risa. Son moitas as mulleres que sufriron a experiencia de atopar feo a un compañeiro de traballo que consideraban atractivo cando levaba máscara. E o mesmo lles sucedeu a moitos homes respecto a mulleres das que estaban convencidos de que eran guapas.

Peor é aínda o caso dos adolescentes: moitos resístense a deixar de usar a máscara, non por medo ao virus, senón pola inseguridade que lles provoca mostrar un rostro que senten imperfecto e pouco atractivo.

En fin, hai que tentar ver a parte boa: con máscara estamos máis guapos e sen ela respiramos mellor. Que cada un elixa.