As linguas non se combaten

Henrique Monteagudo MEMBRO DA REAL ACADEMIA GALEGA

OPINIÓN

María Pedreda

15 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estoutro día, na súa intervención na clausura do congreso do Partido Popular, Alberto Núñez Feijoo dedicou unhas frases de agradecemento en galego aos seus compañeiros de singradura. A seguir, afirmou que «as linguas non se combaten, respéctanse». E engadiu: «Somos o partido do bilingüismo cordial entre as linguas de España», para contrapoñer esta actitude coa dos que as «empregan para confrontar». Tronaron os aplausos, seica máis entusiastas nas bancadas periféricas ca nas céntricas (así mo contaron). A frase pode interpretarse coma un ferrete contra os nacionalistas periféricos, mais tamén puido ser unha boa aguilloada contra a dereita extrema. Sexa como for, esas palabras soan mellor que as denuncias alporizadas —tantas veces excesivas— dunha suposta persecución do castelán, que non poucos medios da capital veñen aventando con teimuda insistencia. O ambiente español está empezoñado de mensaxes tóxicas e, se cadra, Feijoo chegou á conclusión de que a sobre-actuación neste terreo acaba beneficiando o seu rival máis perigoso, a dereita brava que axita a bandeira dun nacionalismo excluínte. Hai un chisco de ironía nesta historia: o político que chegou á presidencia de Galicia dacabalo da polémica sobre «a imposición do galego» pega o chimpo á política española renegando da confrontación de idiomas. Algo terá que ver nisto a súa propia experiencia. No desempeño do seu cargo, a súa inicial exaltación da «liberdade de lingua» foi dando paso ao comedimento e este desembocou na vindicación do idioma do país, sentimental e retórica —se se quere— pero non por iso pouco significativa. Faltou que a viraxe culminase con iniciativas máis eficaces de impulso ao galego, tan necesitado delas. Pero Feijoo aínda está a tempo de prestarlle un importante servizo á lingua de noso e aos outros idiomas españois —incluíndo a «lingua común»— se é quen de introducir unha dose de mesura nos ambientes conservadores do centro á hora de abordaren a cuestión da diversidade lingüística. Igual hai un sector amplo do electorado que prefire a calma e o sentidiño —cunha pinga de humor— a tanto balbordo, esaxero e incomodo. Secasí, esvaídos no ar os aplausos do congreso, o empeño real de Feijoo en levar á práctica os propósitos expresados no conclave do seu partido hase pór a proba no día a día da arrevesada política española. O falar non ten cancelas —e menos nun acto político—, pero queremos crer que o noso antigo presidente non falou a fume de pallas.