Nos comezos da CRTVG fixéronse os traballos preliminares para o proxecto da Radio Exterior de Galicia, consistente nun sistema de OC (onda curta) de longo alcance, cun feixe radiante cara ao Leste-Nordeste (Europa) e outro cara ao Oeste-Sudoeste (Iberoamérica). Daquela a internet era incipiente e a web aínda demoraría quince anos en ofrecer programas de radio con calidade. A diáspora galega reclamaba telecomunicacións para estar ao día e tiñamos o exemplo de todas as radios exteriores estatais. A REG só transmitiría en galego, mentres as dos estados emitían en diversos idiomas, nunha «guerra das ondas» iniciada coa Segunda Guerra Mundial.
No ámbito da telemática coméntase nestes días que a BBC volveu pór en marcha o sistema de OC (SW en inglés) dirixido a Rusia (coa Ucraína polo medio), apagado desde o 2008. Foi a resposta á censura do Kremlin, que impediu aos cidadáns rusos accederen ao sitio na web da compañía pública de radiodifusión do Reino Unido.
O Putin ten detractores en Rusia que han andar á procura dos poucos receptores de radio de OC aínda en uso nestes tempos da radio en FM e a web. Afortunadamente, construír un receptor de OC caseiro é cousa doada. Seica a FSB (ex KGB) ten novo choio: investigar quen trafica con radios vellas, e quen usa compoñentes electrónicos sospeitosos.