Unha axencia para unha intelixencia artificial fiable

Senén Barro DIRECTOR DO CITIUS-CENTRO SINGULAR DE INVESTIGACIÓN EN TECNOLOXÍAS INTELIXENTES DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

María Pedreda

12 sep 2022 . Actualizado a las 12:07 h.

A intelixencia artificial (IA) é un ámbito científico-tecnolóxico que dota de intelixencia sintética ás máquinas. Está chamado a ser o máis transformador, social e economicamente, de cuantos se desenvolveron ata agora. De feito, hai quen a denomina a electricidade do século XXI. Do mesmo xeito que a electricidade fai que as nosas máquinas funcionen, a IA permítelles facer máis cousas, facelas mellor, con maior autonomía e, a miúdo, aprender a facelas por si mesmas.

 Canto maior poida ser o impacto dunha tecnoloxía, máis precaucións haberá que tomar para que a súa utilización sexa beneficiosa e, de ser posible, buscando o ben común. Os malos usos da intelixencia artificial, non digamos xa os abusos, poden ter consecuencias moi negativas para as persoas. Incluso un uso aparentemente bondadoso, como poden ser a automatización do traballo, a xestión das redes sociais, os algoritmos de axuda ao diagnóstico en medicina ou á concesión de axudas sociais, poden acabar sendo non fiables por crear ou amplificar desigualdades sociais, económicas ou educativas, por introducir nesgos, afectar á nosa privacidade, limitar dalgún modo os nosos dereitos ou simplemente porque non podamos explicalos. Por iso, para non ter que preocuparnos polo avance da IA, necesitamos ocuparnos de que a IA sexa fiable na súa concepción, o seu deseño e a súa utilización.

A mellor forma de potenciar as bondades da intelixencia artificial e mitigar os seus posibles inconvenientes é, unha vez máis, a educación. A educación de quen a deseña, a comercializa, a aplica ou a mantén. Tamén de quen a usa, que somos todos, aínda que non o saibamos, e o descoñecemento é precisamente un terreo abonado para os posibles abusos. Pero son igualmente imprescindibles os marcos regulatorios e o dispoñer de observatorios que escudriñen con detalle e con sentido o avance da IA e que, á vez, actúen como faros que guíen o seu devir, alumando o camiño polo que ha de discorrer.

Este dobre e indispensable papel, de observatorio e faro, é o que deberá desempeñar a futura Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial. Unha entidade do Estado español, que dependerá da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial, integrada no Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital. Esta axencia terá personalidade xurídica pública e operará de forma independente e transparente, algo vital nunha entidade encargada de velar por un desenvolvemento e uso fiables da intelixencia artificial.

Esta axencia terá que encargarse tamén do desenvolvemento, supervisión e seguimento dos proxectos enmarcados dentro da Estratexia Nacional de IA, publicada a finais de 2020, e enmarcada na estratexia España Dixital 2025, así como das iniciativas impulsadas pola UE.

Galicia entende de faros, pero tamén de intelixencia artificial. Conta con grupos de investigación de referencia en IA nas súas tres universidades públicas e cun centro de investigación especializado neste ámbito, o CiTIUS. En só uns meses comezarán a impartirse o grao e o máster en intelixencia artificial nas tres universidades, que tamén colaboran coa administración autonómica para dotar a Galicia dun marco ético-normativo para unha IA fiable e explicable. Dispoñemos así mesmo dunha estratexia autonómica para impulsar a IA na próxima década e dun sector empresarial ávido de coñecer e aplicar as tecnoloxías intelixentes, cun número crecente de empresas nadas ao fío das oportunidades que estas tecnoloxías están a propiciar en todos os sectores de actividade.

Para Galicia sería importante que a axencia se desenvolvese no noso territorio. Non se trata só, nin sobre todo, de crear emprego altamente cualificado. Sendo isto importante, non serán máis que unhas poucas ducias de postos de traballo. O seu principal valor sería evidenciar ao resto de España e ao mundo o noso compromiso polo desenvolvemento dunha IA fiable, aliñado co do conxunto da UE. Sen dúbida, isto atraería máis talento, máis empresas e máis investimento. Pero tamén supoñería un revulsivo para que Galicia faga unha aposta intelixente polas tecnoloxías intelixentes, algo indispensable se queremos transformar o perfil produtivo da nosa comunidade, facéndoo máis rendible, autónomo e sostible.

Galicia acaba en IA. Oxalá sexa un presaxio do que está por vir.