Fariña no fol

Henrique Monteagudo
Henrique Monteagudo LIÑA ABERTA

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

25 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Goberno de España e a Real Academia Española acaban de asinar un convenio para impulsar o proxecto Lengua Española e Inteligencia Artificial, que, segundo o presidente da RAE, ten, entre outros, o obxectivo de «evitar que cadaquén fale como lle preste», con fin de «evitar a fragmentación e levarnos a dialectos dixitais que impidan que nos entendamos ben». Disque a RAE xa convenceu as tecnolóxicas de que asuman este obxectivo e a tal fin empreguen os materiais lingüísticos que ela mesma elabora. Segundo o Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital, este é o primeiro fito do programa Nueva Economía de la Lengua, que forma parte do Proyecto Estratégico para la Recuperación y la Transformación Económica, ao que se destinarán 1.100 millóns de euros. A información facilitada polas institucións asinantes é bastante confusa, e as desconcertantes declaracións do presidente da RAE non dan moita luz, mais a nova sorprende por varias razóns. A primeira, polo escaso eco que acadou nos medios de comunicación, cando se trata do maior investimento xamais realizado polo Estado na promoción da lingua española. Un investimento que, por exemplo, multiplica por máis de dez o que se leva dedicado á promoción do idioma galego desde os inicios da autonomía. O segundo, e máis rechamante, polo hermetismo en que se vén desenvolvendo a política do dito ministerio no referente ao reparto dos fondos europeos en política lingüística —pois disto se trata—. A Real Academia Galega non sabe nada do asunto, como tampouco as institucións oficiais das «demais linguas españolas» (Constitución española, artigo 3ª).

Sen dúbida, os cidadáns falantes de calquera «diversas linguas de España» (CE, art. 20º) aplaudimos sen reparo a promoción do castelán nas novas tecnoloxías. Do mesmo xeito, todos, incluíndo os castelanfalantes, deberan preguntarse polo apoio que o Estado vai ofrecer ás «demais linguas españolas». Seica daqueles 1.100 millóns podería ser que 5 fosen destinados ao galego. Isto significaría, aproximadamente, unha asignación de 45 euros por cada cidadán falante de español e de 2 euros por cada falante de galego. Se cadra, dada a relevancia do asunto, os deputados e senadores galegos poderían interesarse polo asunto. Aos responsables do Goberno, cando nos veñan coa manida retórica sobre a riqueza da pluralidade lingüística española, teremos que retrucarlles: «Fale a miña veciña, e teña o meu fol fariña».