O raposo no galiñeiro

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

JUAN CARLOS HIDALGO | EFE

01 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os independentistas cataláns están soliviantados porque din que os espiaron. Ameazan con retirar o seu apoio ao Goberno e piden que caian cabezas. Para empezar non dan o seu apoio para aprobar o decreto anticrese, a fin de contas, a eles impórtalles un comiño a gobernabilidade de España (Montserrat Bassa dixit). Despois piden que sexa a cabeza de Margarita Robles a que rode, por facer preguntas sen resposta: «Que ten que facer un Estado, un Goberno, cando alguén vulnera a Constitución, cando alguén declara a independencia, corta as vías públicas, cando realiza desordes públicas, cando alguén está a ter relacións con dirixentes políticos dun país que está a invadir Ucraína?». 

Vox contesta: «Pouco lles espiaron, para a ameaza que son para España». Aos de Vox cada día vótaos máis xente, será por dicir en voz alta o que moitos pensan?

O PP ofrécese a votar a favor do decreto anticrese a cambio de que o Goberno polo menos lea as súas propostas e as discuta. Pero entón Bildu ofrécese como alternativa cun xesto xeneroso: «Aprobaremos este decreto pola xente, non polo Goberno». A cambio, iso si, dunha pequenez: catro independentistas entrarán na comisión de segredos oficiais, terán acceso a materias clasificadas, recibirán información sobre os fondos reservados e poderán controlar as actividades do CNI. É algo así como meter a un raposo nun galiñeiro. Leo en Jara y sedal que cando iso sucede as galiñas sofren un enorme estrés e móvense desesperadamente tentando evitar ao depredador. Pero a quen diaños lle importa o sufrimento das galiñas?