«Patrimonicidio»

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

07 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres se debate se en Ucraína asistimos a un xenocidio ou a crimes de guerra, prodúcese a diario un sistemático «patrimonicidio». Os estragos materiais reconstruiranse, é un dos negocios da guerra, pero cando se esgaza o tecido inmaterial, o ámbito das relacións sociais e afectivas, os costumes e tradicións, a vinganza e o rancor ocupan o seu espazo.

O asasinato ritual das cidades do que falaba o arquitecto Bogdan Bogdanovic, que foi alcalde de Belgrado, é un atributo bélico en todos os tempos como símbolo de aniquilación do inimigo. A guerra arrásao todo, o patrimonio público e o privado, o colectivo e o individual, a sala de estar onde a familia se xunta arredor dos seus recordos, fotos, cartas, o relanzo da escaleira ou o portal onde se producen os saúdos e breves coloquios entre veciños, a rúa á que nos asomamos a través da ventá, a praza cos seus bancos á sombra e os xogos infantís, a tenda, a farmacia, o cine… Árbores abatidas para alimentar o lume, praias minadas, escolas e universidades destruídas, arquivos, bibliotecas e museos, hospitais, industrias e centros de traballo devastados, fachadas colgadas sobre moreas de entullos entre as que vagan mulleres, vellos e nenos coa mirada ausente…

A morte non distingue entre contendentes e civís e chega mesmo aos que se presumen neutrais, os que pensan que esta guerra non ten que ver con eles, os que cren, sen dúbida de boa fe, que todo iría mellor se o pobo ucraíno non se armase para repeler a invasión. Cobran vixencia os editoriais de Albert Camus en Combat, cando Francia estaba sendo ocupada por Alemaña, o debate permanente sobre o fin e os medios e o papel da valentía. Aínda que Putin poña baixo o seu talón toda Ucraína, non vai ser quen de quebrar o valor do pobo.

Nalgún momento empezará a reconstrución das cidades aniquiladas. De que modo se vai acometer ese desafío? Quizais se decida construír sobre os despoxos, como nas sucesivas Troias, e reproducir un facsímile da imaxe anterior á guerra, alzando un monumento á desgraza, co ánimo de reanudar a vida ordinaria. Ou talvez se opte por crear outras tramas urbanas e edificios, coa intención de propiciar o esquecemento, como querendo empezar doutro xeito.

Os cidadáns e as institucións de Europa están amosando unha humanidade exemplar cos que foxen. Pode que unha parte deles atopen acollida noutros países, pero sempre manterán unha faísca de esperanza nun retorno posible para enfrontarse á incerteza do futuro inmediato e reiniciar as vidas truncadas.