A chantaxe enerxética que está facendo Rusia á UE vai acelerar a transición cara a un modelo baseado en renovables. Son o ideal, claro, pero teñen un problema: non son constantes. Hai uns meses Pablo Casado comentou que a enerxía solar tiña o problema de non estar dispoñible de noite. Metéronse moito con el, pero tiña razón no que dicía: a entrada nocturna de enerxía de orixe solar no sistema eléctrico é residual, porque a súa almacenaxe é moi difícil e, aínda que se optimizase, a física dinos que nin de lonxe se pode achegar ao almacenamento do 100 % da produción. Con todo, a clave é manter a rede eléctrica estable, libre de apagóns, e iso parece viable cun bo deseño da distribución das renovables. A primeira idea básica é que a enerxía solar e a eólica adoitan ser complementarias: os momentos con máis sol normalmente son os de menos vento, e viceversa, co cal parece obvio un equilibrio de ambos recursos como primeiro paso. Os réximes de vento costeiro son estables. E, en xeral, cando aumenta o consumo de calefacción é cando o réxime de vento é maior. Sumando outros factores, o obxectivo parece alcanzable. De feito, 10 países conseguiron en 2021 que case o 100 % da súa enerxía eléctrica consumida fose de orixe renovable (un deles foi Noruega, gran produtor de petróleo); certo é que a cousa ten truco: todos eles son países de gran potencial hidroeléctrico, pero por algo se empeza.