Agamfec, principal sociedade dos médicos de familia de Galicia, está asombrada polas declaracións do presidente da Sociedade de Xinecoloxía de Galicia, doutor Obispo, sobre o actual debate da dismenorrea e a súa consideración laboral.
Estamos asombrados, porque as mulleres teñen acceso a atención especializada. En tódolos casos e a tódalas especialidades sen ningún limite, sempre tendo en conta a súa situación clínica. Outro tema será o acceso ás consultas especializadas no medio privado, que cada unha as fará segundo a súa vontade e dispoñibilidade económica. Os médicos de atención primaria son especialistas en medicina familiar e comunitaria, polo que a falta de atención especializada non é tal en ningún caso.
Sentimos estrañeza pola afirmación de que nin os médicos de familia nin as matronas teñen capacidades para diagnosticar unha dismenorrea. Este tipo de afirmacións sembran confusión e desconfianza sobre os profesionais de atención primaria. Coñecer a endometriosis, e diferenciar unha dismenorrea simple doutra secundaria a patoloxías máis severas non é patrimonio de ningunha especialidade; e o seguimento das mulleres polo seu médico de familia e a matrona fai posible distinguir patoloxías banais doutras máis complexas. Sabemos interpretar a sintomatoloxía, valorar a dor e prescribir fármacos para o control do mesmo e do proceso subxacente. Tamén, loxicamente, facemos a derivación hospitalaria cando sexa necesario ou haxa dúbidas no diagnóstico, coma sempre se fai. Por desgraza, moitas veces porque non temos acceso ás probas diagnósticas necesarias dende atención primaria e levamos anos reclamándoas. Se non houbese derivacións ao hospital ¿cómo é posible que existan listas de espera?
Ningún médico de familia nin matrona critica a falta de competencia doutros especialistas; todos somos necesarios para a atención as mulleres e é de maneira responsable e coordinada como se resolven os seus problemas de saúde, sen protagonismos, con colaboración, pero máis que nada, con respecto hacia tódolos profesionais da saúde. O descoñecemento da atención primaria e das capacidades dos seus profesionais non debe ser argumento para facer descualificacións. A nós, médicos de familia, correspóndenos seguir traballando pola saúde das mulleres sen facer caso doutros intereses nin reclamar competencias exclusivas, respectando sempre aos demais especialistas.
Sobre o tema da baixa laboral e a burocratización que supón este tipo de problemas, temos insistido noutras solucións coma a autodeclaración responsable da traballadora, e podería facerse con outros moitos cadros clínicos autolimitados e ben coñecidos. Estamos nunha sociedade adulta e deberíamos basear as relacións laborais na confianza e o respecto mutuo, pero iso daría para outra reflexión e debate.