De Madrid a Barcelona

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

04 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres o tren se desliza polas xeografías, o noso ser e estar acompásanse permitindo ler, durmiñar e conversar sobre o valor da palabra. Os mesmos vocábulos poden ter significados contraditorios: unhas veces transmiten pensamento e alento, outras propician mentiras e exaltación. Isto é patente en comunidades antagónicas onde o léxico dos gobernantes muda segundo a conveniencia: identidade, ética, moral, política, nación, verdade… Mesmo gamberro, que ata hai pouco seica era un insulto.

En Madrid, os seus dirixentes empéñanse en salientar o poderío centrípeto e a dependencia da capital adquire tintas doutro tipo de nacionalismo, sen apreciar que nas comunidades da periferia ibérica non sentimos ese pálpito madrileño e que se consigue o contrario do que se pretende, distáncianos dunha cidade tan atractiva.

Barcelona empeza a recuperar o aire cosmopolita e a vitalidade cultural despois da frustrada tentativa independentista que pretendeu segregar Cataluña de España e que, na práctica, o que fixo foi desconectar da modernidade global que definira a súa capital durante décadas. O curso dos acontecementos demostra que os conflitos pódense abordar doutro xeito.

En ambas as cidades obsérvase que o concepto clásico de cultura estruturado segundo artes, autores e épocas está en plena mutación. Tanto os grandes equipamentos históricos da música, o teatro as artes como outros centros, véxase a Casa de México en Madrid con Frida Kahlo ou o CaixaForum de Barcelona con Magritte, compleméntanse e, sen renunciaren á súa tradición, ábrense a novas linguaxes e expresión artísticas, como se houbera un guión e un plan concertado.

A mellor forma de coñecer unha cidade é camiñando. A Castellana, que uniu o Madrid histórico cos novos ensanches, e a Diagonal, que buscaba o mar, representan dúas formas de concibir a cidade. Hoxe, a Diagonal segue avanzando na súa remodelación, mentres que a Castellana encara unha formulación funcional diferente.

Por todas partes vaise abrindo camiño a nova mobilidade e o asfalto muta nas pezas vexetais que enchen as beirarrúas. Cómpre dotar doutro sentido o espazo público, con solucións urbanizadoras flexibles que poidan axustarse aos cambios xeracionais, evitando as arquitecturas ríxidas. Como acontece en todo o mundo, o conflito da alza dos alugueiros, as vivendas de vacacións, as terrazas, está aberto porque, entre outras cousas, os deostados turistas somos nós mesmos cando cambiamos de cidade.