O solpor de «Finisterre»

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

20 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda o patio revolto coas declaracións de Feijoo, algunhas ben pasadas. É o que ten dar o salto á política estatal. Xa o sabía? Feijoo non é un novato, foi presidente de Galicia trece anos, por iso estrañan algúns dos comentarios inocentes que está a realizar. 

Chegaba á cúpula do partido coa idea de levar a cabo unha enorme restauración e modernización, máis está claro que as obras de renovación non son o desta formación política, nin na sede física nin na persoal. Dalgúns dos seus asesores tamén hai queixas... menos mal que a axenda a ten ben completa. Iso si o deben ter dominado.

Un dos actos foi en Granada, apoiando a campaña electoral. Alí dixo que entendía a quen dixera que o solpor aos pés da Alhambra era o mellor, se esa persoa non coñecía o de Finisterre.

Sinceramente, non sei que pretendía. A suposta retranca galega empregada non se entendeu. Pero, compañeiros andaluces, non llo teñan en conta, por favor, era unha brincadeira, como dicimos aquí. Se realmente lle saíse do corazón, diría Fisterra, e non Finisterre, como é o topónimo oficial desa terra súa. Agora quedou mal con Andalucía e fatal con Galicia.

A Xunta de Galicia promulga o nomenclátor, un servizo que regula e indica os topónimos de concellos, parroquias e lugares de Galicia, mais non sería necesario recorrer a el. A icónica fin do mundo non necesita presentación, é ben sabido que se chama Fisterra. Non necesita presentación nin dúbida do nome.