A vacina española

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

c

01 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A vacina española Hidra, segundo información proporcionada pola empresa, incrementa a resposta inmunolóxica, amplía o abano de protección das vacinas Pfizer e Moderna, ofrece unha protección máis duradeira, a reacción é menor, e ademais mellora a loxística pola súa maior facilidade de almacenamento. A farmacéutica biotecnolóxica española está agardando a autorización da súa vacina por parte da Axencia Europea do Medicamento. Esperaban tela para xuño, pero non foi así. Confían en poder participar na campaña de vacinación de outono, pero non é seguro.

Non podo evitar pensar que, se a sede da farmacéutica estivese en Alemaña ou en Estados Unidos, os trámites axilizaríanse, e estou convencida de que, se Hidra fose alemá ou americana, o Goberno de España e as comunidades estarían xa loitando entre si para acadar o maior número posible de doses, e teríamos noticias da vacina dende a mañá á noite en todos os medios de comunicación.

De onde me vén ese convencemento? Do feito de que os españois non valoramos o noso. Todos vimos innumerables series e películas sobre as xestas navais inglesas, pero a Juan Sebastián Elcano, que foi o primeiro que deu a volta ao mundo, non o lembran nin os seus parentes. Os norteamericanos converteron nunha epopea cinematográfica a conquista no século XIX do far west e o consecuente exterminio das tribos autóctonas, mentres que os españois pasámonos a vida desculpándonos pola conquista de América no século XVI.

Con estes antecedentes, o mais seguro é que a anciáns e grupos de risco sóltennos no outono a cuarta dose de Moderna ou Pfizer, e a saber que pasará coa vacina española.