Despregar o alzhéimer?

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

21 ago 2022 . Actualizado a las 13:39 h.

A finais de xullo, a empresa DeepMind (unha filial de Google) desvelou a estrutura de case todas as proteínas coñecidas (máis de 200 millóns) a través dun programa de intelixencia artificial. Unha revolución (con fitos intermedios cos que nos foran xa abraiando nos últimos tres anos) que nos libros de historia acabará sendo unha das fazañas científicas do século XXI (e que, por suposto, non tardará en ser recoñecida co Premio Nobel), porque ata agora desvelar a estrutura de cada unha delas era moi difícil.

 As proteínas son enormes moléculas que constitúen os bloques fundamentais dos que consta un ser vivo. O funcionamento delas depende da estrutura coa cal se colocan os seus grupos de átomos. Isto quere dicir que, cando esa estrutura é incorrecta, a proteína funciona incorrectamente. É o que ocorre coas enfermidades producidas por prións. Un prión é, de feito, unha proteína mal pregada que transmite a súa estrutura incorrecta ás veciñas, como se fose unha cadea de fichas de dominó caendo. Ese problema de pregamento é tamén a causa de enfermidades neurodexenerativas como as de alzhéimer e párkinson. Cóntolles isto porque parece obvio que o camiño cara ao descubrimento da orixe desas enfermidades é agora máis fácil. E, sobre todo, cabe soñar que próximas evolucións desta ferramenta informática poidan axudar a deseñar medicamentos que impidan ese mal pregamento das proteínas. De feito, en DeepMind xa están traballando nesa liña. Polo ben de todos, desexámoslles a mellor das sortes.