A vara de medir

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

27 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de meses de partygate, e malia o estendido desexo de usar a Boris Johnson como barman en vodas e bautizos, non parece que en Scotland Yard se lles ocorrese pasarlle un test de drogas ao primeiro ministro británico. O de facerlle o control de alcoholemia ao rei de Marrocos nin se pon sobre o tapete, que a condición rexia —sabémolo nós— esquiva os procesos legais. Claro que, supoñendo que un é rei pola graza de Alá, xa amaña eses asuntos directamente coa divindade correspondente, como fan Boris e os Borbóns.

Tratándose de mulleres, a única que pode amañar asuntos etílicos ou psicotrópicos directamente cos deuses é a raíña de Inglaterra, cuxa lonxevidade, ademais, liberouna do Hermes contemporáneo, o acusón do Olimpo: Instagram. Noutro extremo está Sanna Marin, a primeira ministra de Finlandia, que, por ser muller, pasou por demasiado nova e fermosa (xa que non funciona unha estirpe real), demasiado pouco experimentada (xa que a votaron os fineses) e demasiado festeira, a unha idade que a historiografía considera estupenda para que homes coma Alexandre Magno morran conquistando medio mundo. Claro que, obviamente, esta muller cuxo peor defecto é ter amigos de foto fácil, non morrerá polas parvadas que cargan de testosterona as troulas dos señores.

En política, o de predicar co exemplo, só se aplica ás mulleres desde aquilo de que a muller do César ten que ser honrada e parecelo, para que, entrementres, o César desfase a gusto. Agora que hai divorcio, cumpren ese labor as mandatarias de esquerdas, sospeitosas por usurpar o poder que a dereita considera seu por dereito natural.

Pero saben? A Marin que lle quiten o bailado, mentres todos eses de coñac ás cinco chaman a Inquisición e mentres a inflación aumenta, a enerxía escasea e o fascismo espreita.