Tradución universal

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

ANGEL MANSO

02 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando en España se estudaban materias —hoxe seica inútiles— coma a Gramática, a análise sintáctica das oracións era martirio para uns e diversión para outros. Lonxe estaban profesores, académicos e escritores de imaxinar que unha máquina lóxica fose analizar o texto do Quixote en vinte segundos, mais xa ficaran sentadas bases teóricas e prácticas para conseguilo: telecomunicacións e informática. Velaí o proxecto Fastparse (análise rápida) que dirixiu o profesor Carlos Gómez da UDC, logo de gañar un duro concurso de financiamento do Consello Europeo de Investigación (en Bruxelas non dan subvencións: cómpre demostrar que se merecen).

Na Coruña naceu o analizador sintáctico universal máis rápido do mundo e agora o grupo investigador de Gómez anda á procura do que importa na ciencia: produtos de aplicación. Atentas logo, polo menos, as editoriais, porque no Globo das Mil Linguas a Literatura sempre estivo por cima dos idiomas e desde hoxe teñen ao seu dispor unha ferramenta fiable, que tan rapidamente analiza o Quixote como Guerra e paz. Cunha camada de programación máis (xa desenvolvida) sobre a do Fastparse, pódese traducir dun idioma a calquera outro. No Impaís hai luces que se deixan apagar por falta de política científica. Esperemos que Gómez e colaboradores non se nos vaian para Palo Alto.