A sociedade do cansazo

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

YAHYA ARHAB | EFE

03 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Comentado este verán cun amigo psiquiatra o aumento das depresións na sociedade actual recomendoume un libro que non coñecía: A sociedade do cansazo, de Byung-Chul Han, un filósofo surcoreano que desde a publicación desa obra en 2010 está considerado unha das figuras máis importantes da filosofía contemporánea.

O libro é unha crítica á forma de vivir na sociedade actual. Presenta ao ser humano do século XXI como un Prometeo canso, un ser esgotado pola súa propia autoexigencia, vítima e verdugo á vez, e cuxa aparente liberdade é en realidade unha condena de autoexplotación. Vive nunha sociedade baseada no rendemento: a maior esforzo, maior beneficio. As consecuencias son enfermidades neuronais: depresión, trastorno por déficit de atención con hiperactividade, trastorno límite da personalidade ou a síndrome de desgaste ocupacional (do traballador queimado). Os individuos poden traballar xornadas exhaustivas para cumprir as metas que se impoñen a si mesmos para ser máis ricos, poderosos, fortes, guapos… É ademais unha sociedade sen crenzas relixiosas, e xa o dixo Nietzsche: «Tras a morte de Deus, a saúde elévase a deusa». O esforzo para conservar e mellorar o corpo convértese nun traballo máis para o canso Prometeo.

O individuo actual está sometido a continuos estímulos e informacións que lle obrigan a diversificar a súa atención. Como un animal salvaxe, que á vez que come necesita vixiar que non o ataquen nin a el nin á súa prole, o home postmoderno está incapacitándose para a atención profunda e contemplativa que conduce á creatividade.