Unha sociedade fráxil

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

STRINGER | EFE

11 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando empezou todo? En setembro do 2001, co atentado contra o World Trade Center, un día coma hoxe? Doce anos antes, coa caída do muro de Berlín? Disque a xente nova non sabe quen foi Gorbachov. Son os tempos. O noso compañeiro Carlos Bermejo falou o venres, na apertura do curso académico das universidades galegas, da construción da memoria, a historia como un discurso compartido a través do cal intentamos explicar o mundo. Nas sociedades orais explicábase con mitos, relatos que se transmitían de pais a fillos, de avós a netos, como a nosa trabe de ouro e a trabe de alcatrán da que falamos algunha vez, ou os mitos bíblicos. Nas crónicas medievais, para lexitimar o poder dos reinos e das familias, os historiadores remontábanse a Adán e Eva, o diluvio universal ou os heroes da guerra de Troia. A revolución do papel e a imprenta inaugurou un novo tempo: o documento escrito difundido masivamente. Logo veu a revolución audiovisual (cinema, radio, televisión). A nosa época é a da revolución dixital e as redes, alta tecnoloxía que se anunciaba como unha nova era de participación democrática e que vén chea de luces e sombras. A intelixencia do ser humano saberá encarreirala para un futuro mellor.

Agardemos que sexa así. Polo de agora, o que pinta témolo diante dos ollos. Eu nacín no ano 51 do pasado século, dous anos antes da coroación de Isabel II do Reino Unido, acontecemento que se transmitiu en directo por televisión, o que no seu momento se interpretou como unha estratexia nova de comunicación por parte da casa real británica. A partir dese momento todo empezou a difundirse en directo: a crise dos mísiles do 62, o asasinato de Kennedy en Dallas, a chegada do primeiro home á Lúa, a devandita caída do muro, os bombardeos de Bagdad na guerra do Golfo, as torres xemelgas, a guerra de Afganistán.., incluído o asalto ao congreso dos deputados en España (1981). Ninguén pode negar o valor democrático e informativo desta realidade. Outra cousa é a súa utilización. A tendencia grave a convertelo todo en mercadoría e espectáculo.

Unha das experiencias máis reveladoras ao respecto vivina unha noite nun hotel de Madrid, co público concentrado diante da pantalla mentres retransmitían os bombardeos de Bagdad, parcialmente acompañados por algún comentario de expertos. Non se vía nada, agás a escuridade e, de cando en vez, algunhas lumaradas no horizonte. Pero a audiencia estaba hipnotizada. A forza das imaxes (inexistentes) era tal que ninguén se apartaba do televisor. Certamente o medio era a mensaxe, tal que nos explicou no seu día McLuhan. E quen manda no medio? De cando en vez, o condutor do acto (a RAI italiana) interrompía a retransmisión: «Señoras e señores, unha pausa para dar paso á publicidade». Mercadoría e espectáculo, e manipulación de audiencias. Este é o gran desafío das sociedades democráticas. Quen garante a realidade? Na avalancha abouxadora do que se vende como información, o individuo vive con moi poucas defensas.