![](https://img.lavdg.com/sc/7otaHvCjhLkXMNoWTxO6QuKomfk=/480x/2022/09/23/00121663953482743379422/Foto/j23s2076.jpg)
Imaxinemos unha cidade histórica calquera, con toda a artillaría de cables, sinalética, bolardos, cámaras e artefactos tecnolóxicos, na que, coa urxencia de mitigar o gravoso gasto en electricidade e aproveitar a dispoñibilidade de fondos europeos, os tellados empezaran a cubrirse con paneis solares. Desde un miradoiro ou unha torre, e mesmo desde as rúas, esas superficies reflectantes perturbarían de xeito insoportable a percepción serena dos edificios residenciais e monumentais.
Os tellados son cobertores que nos resgardan do clima, feitos de pezas de barro cocido, de lousa ou de zinc. Nos centros históricos suscitarían rexeitamento incluso as tellas cerámicas feitas con silicio que soporten células fotovoltaicas acumuladoras de enerxía. Penso que esta última opción non deixaría de ser un «falso histórico», como o foron no seu día as carpinterías de aluminio que imitan as de madeira. Cando (ad)miramos o patrimonio, que é o que miramos en realidade? A persistencia evolutiva dun legado ou un simulacro tecnolóxico?
Pero algo hai que facer, porque a transición enerxética é un imperativo indiscutible. De momento, proceder con cautela estudando cada caso, cada proxecto de rehabilitación, facendo fincapé na mellora do illamento das edificacións para depender menos do consumo de enerxía.
Temos que pensar en domesticar as próteses tecnolóxicas, tubos, acumuladores, unidades exteriores,… no dobre sentido de facer a súa presenza menos impositiva mediante deseños máis versátiles, e de facelas domésticas, integrándoas na concepción mesma dos edificios, porque tamén son arquitectura que hai que conciliar coa rehabilitación.
A tecnoloxía evoluciona rapidamente e o que hoxe son paneis grandes e ríxidos poden ser pronto materiais lixeiros e flexibles, polo que todo o que se faga agora con urxencia debe ser reversible, facilmente desmontable. A medio prazo é necesario estudar a implantación de solucións comunitarias que poidan aloxarse nos espazos intersticiais entre as rúas dos centros históricos, e propoñerse dunha vez por todas o soterramento das infraestruturas de distribución levantando o lousado, o que permitirá repensar o espazo público.
A converxencia das crises climática e económica co desenvolvemento vertixinoso das tecnoloxías resulta perentoria. Pero antes de deixarse levar polas présas, cómpre considerar que o patrimonio necesita cultura e moita racionalidade para ir por diante dos problemas e non esperar a que xurdan.