
Que Galicia ten un enorme potencial eólico é sabido desde hai corenta anos, cando se iniciaron os estudos consecuentes á primitiva Lei de Enerxías Alternativas; e que posúe unha costa longuísima, apenas superada pola das Illas Canarias, sería algo que deberían aprender (con «métodos antigos») os estudantes do Impaís.
Que un país debe aproveitar os seus recursos e alimentar a xeración de produtos dirixidos a tal fin é cousa de catecismo da economía. Por iso, e se cadra con «rabo de palla», quen pretende instalar parques eólicos mariños comprométese a apoiar a construción de elementos mecánicos para os aeroxeradores, como xa se están a fabricar —notoriamente— na ría de Ferrol.
Ora, o aproveitamento dunha enerxía tan difícil de xestionar —pola súa variabilidade no tempo— leva a que electrónica, informática e telecomunicacións signifiquen o si ou o non de facelo dun xeito óptimo. Por tanto sería bo que se ollase para os recursos intelectuais e industriais que Galicia ten nos anteditos eidos: conta con centros de investigación e desenvolvemento, e —para sorpresa de moitos— con empresas capaces de producir dispositivos de control e goberno das máquinas eólicas: nomeemos soamente Televés, Arteixo Telecom e Egatel. O vento é moi importante e mellor que, cun «acordo de país», sexa para todos.