Dixo Paco León que o personaxe que interpreta nun recente filme é «casi gallego», vamos, explicou, que é moi pechado (a ver: bota a peli encerrado nun armario) e «tiene una pedradita dada», cousa que, na miña casegaleguidade, aínda ando a descifrar. Debe ser esa a maneira case andaluza de andar polo mundo, case crendo que o talento te converte en Aristóteles, que polo menos escribiu varias obras filosóficas universais para xustificar os seus prexuízos en vez de ir dicir parvadas a un podcast. Pero que lle imos pedir a Paco León se España é así, un país onde os cuñaos son tertulianos e as escolas de arte dramática o fillo parvo da Educación?
Cando María Casares volveu a España despois de corenta anos de exilio só para subir no escenario e facer de Gorgo en El adefesio, a obra coa que tamén volvía Alberti, foi criticada polo seu acento galego. Atopaban na súa vergoñenta galeguidade unha forma de soterrar a súa condición de muller de esquerdas e republicana que, brandindo con orgullo o seu acento, lograra manter viva a digna memoria antifascista aproveitando o seu éxito no teatro mundial, desde Francia, claro. Unha actriz, case galega, diría Paco León. Que viva está hoxe esa España forxada nos escenarios e na tele da ditadura, esa que nos cargou cuns prexuízos que só benefician ao españolismo casposo, o mesmo que queimou os libros da familia de Casares. Daquela, coma agora, había persoas case galegas, ou galegas enteiras, que lles sacaban as cores aos que, desde a ousadía que dá a ignorancia, se delatan.
Por certo, as escolas de arte dramática serán as fillas parvas da educación, pero nelas ensínase a afondar e definir con rigor personaxes, fuxindo de tópicos e destapando prexuízos habituais propios do alumnado por formar.