Desde hai algún tempo converteuse en negocio unha tendencia innata en moitos seres humanos: a de contemplar as desgrazas alleas, xa sexa en accidentes ou en catástrofes de calquera tipo. Se unha persoa vai andando soa pola rúa, cae e non pode moverse por si mesma, sempre hai unha ou dúas persoas solidarias que lle axudan, quedan ao seu lado e chaman a unha ambulancia. E, ao redor, vaise formando un círculo de miróns, algúns fan preguntas, ofrecen opinións ou fan comentarios, e a maioría sinxelamente mira e alí quedan ata que chega a policía e obrígalles a despexar o terreo. O mesmo ocorre nas praias cando sacan da auga a alguén que se afogaba ou que sufriu un infarto: a xente corre para velo, e arremuíñase ao redor da persoa que xace na area, impedindo incluso as manobras de quen o está auxiliando.
Durante os días da erupción do volcán da Palma foron moitos os que viaxaron para «ver un espectáculo da natureza pouco frecuente». Sempre existiu esa curiosidade e sempre hai empresarios agudos que lle sacan partido: os campos de concentración e os fornos onde os nazis queimaban aos xudeus foron destino de peregrinación non só para as familias de xudeus sobreviventes.
Agora é Ucraína o escenario dese turismo. Foméntao o propio Goberno, sen dúbida para poñer un parche á súa maltreita economía e tamén para demonizar a Putin e ao exército ruso: as casas destruídas, as tumbas dos torturados e asasinados son desde logo un espectáculo que colmará as expectativas de quen se move por ese morboso instinto de contemplar desgrazas, e, ademais, co atractivo engadido de axudar ao sufrido pobo ucraíno.