O galego que máis sabía de cogomelos

Alejandro Mínguez
Alejandro Mínguez MEMBRO DO GRUPO MICOLÓXICO GALEGO

OPINIÓN

cedidas

02 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A micoloxía en Galicia, que foi tabú moito tempo pola vinculación dos cogomelos coa bruxería entre outras cuestións, ten evolucionado moito.

Galicia é un pais rico en variedade e cantidade de cogomelos, malia non sacarlle o rendemento que si teñen noutras zonas onde existe menos riqueza natural. Os micólogos galegos, que dende hoxe se darán cita nas Pontes de García Rodríguez, falarán de micoturismo, incendios, novas especies… pero cómpre destacar por riba de todo que homenaxearán ao pai da micoloxía galega moderna, Luis Freire, coincidindo co 25 aniversario do seu pasamento, o 13 de decembro de 1997. Luis Freire naceu na Coruña en 1914 e viviu en distintos puntos de Galicia e exerceu de practicante. Comezou a estudar bioloxía aos 57 anos e en 1981 defendeu a súa tese de doutoramento sobre macromicetos da Selva Negra. Foi profesor de bioloxía e nas súas clases moitos alumnos quedaban de pé pola falla de espazo ante o éxito da súa docencia. Dirixiu numerosas teses de licenciatura e dúas de doutoramento sobre micoloxía, ademais de ter no seu currículo 40 publicacións ou a descuberta de tres novas especies de cogomelos para a ciencia. O seu labor propiciou o crecemento do catálogo micolóxico de Galicia en máis de medio milleiro de especies. Foi tamén coautor, hai agora 40 anos, do primeiro libro de cogomelos de Galicia, feito en colaboración con Marisa Castro, titulado Guía das setas ou cogomelos comestibles de Galicia (Xerais, 1982).

Galicia debería ter máis en conta a Luis Freire, que fixo todo pola micoloxía galega. Pero de salientar un particular, podería ser o éxito de ter impregnado na súa sucesora, Marisa Castro, o amor absoluto polos cogomelos, vocación que ela foi quen de transmitir tamén aos seus numerosos discípulos. Son o futuro.