Valencia soa ben

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. ESTÉVEZ

03 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Había anos que non visitaba Valencia, e sorprendeume. Un simposio baixo o lema «Modos de ver Valencia» deume a oportunidade de facer unha visita ilustrada da man de Arquitectes per l'Arquitectura, asociación organizadora do encontro.

Dá gusto pasear polas rúas e prazas renovadas, co tráfico privado sensiblemente reducido en beneficio do transporte público. Somos moitos, diversos, e os espazos públicos son demasiado difíciles de xestionar como para deixar a súa remodelación en mans da Administración, da arquitectura ou da veciñanza de cada bloque.

A rúa é a xoia da coroa, socialmente fráxil. É o noso parlamento, onde nos relacionamos cada día, normalmente con cortesía, pero tamén é o lugar da reivindicación. Ao desaparecer os coches diríase que se produce un horror vacui. Entón as prazas e rúas énchense de materiais e artefactos variados: contedores, marquesiñas, bancos e farois, bolardos, macetas e alcorques que afogan as árbores. E logo vén a sectorización: transporte público, claro, carga e descarga, como non, bicicletas… As rúas necesitan intervencións máis versátiles, porque a realidade é fluída. A clásica garda municipal pode contribuír máis do que as cámaras a resolver os conflitos nese lugar civilizatorio.

A sublime arquitectura civil da Lonxa aguántalle o pulso patrimonial á Catedral. A insólita combinación da fachada principal do seo e a torre do Micalet preludia o rococó do cruceiro e a cabeceira, que encobre a sutileza gótica do magnífico ciborio baixo a luz matizada polas láminas de alabastro que o pechan. Restaurar é a primeira vista unha contradición, porque por un lado convócase o pasado monumental para referendalo e renovalo e, por outro, o obxectivo é convertelo no patrimonio do futuro.

O metro que discorre en superficie pola avenida dos Laranxos lévanos ata os antigos poboados marítimos do Cabanyal e o Canyamelar. Os valencianos conseguiron impedir a destrución dunha parte da barriada para prolongar a avenida pero, como en calquera parte do mundo, cando un lugar se pon de moda as plusvalías soben e as vivendas unifamiliares vanse convertendo en chalés acaroados con patio e aloxamentos turísticos. Ende ben, a escala e a tipoloxía mantéñense. Distínguese a operación exemplar de Eduardo de Miguel en El Musical, un centro cultural en formigón, madeira e ocos abertos que revitaliza a tradición do Ateneo Musical do Porto.

Decididamente, Valencia soa ben.