Impacto. Vísceras. Odio. «Esto no es para tibios», frase dita en sede parlamentaria por Vox. Resulta obvio, case absurdo, repetir sempre o mesmo mantra de que xa están aquí. A verdade é que nunca se foron. Non debemos autoenganarnos. Somos os resultantes da crise económica e unha pandemia global de prolongadas e drásticas consecuencias. Un ten pouca memoria: levantarse cada mañá, tomar o primeiro café do día e escoitar con pánico onde se atopaba a prima de risco. Aqueles anos da primeira década do século XXI, que xa nos quedan tan lonxe, foron, acordádevos, o tempo dos economistas.
Pero non, aqueles anos eran sobre todo unha demanda da quenda dos historiadores. Daqueles aos que lles soa a música aínda que a letra sexa distinta. Explicar dende hai décadas unha cultura do medo cultivada a conciencia co obxectivo de converternos en consumidores de todo tipo de «seguridades». Os Bolsonaro, Meloni, Orbán, Le Pen, Trump… non nacen da nada. Sempre estiveron alí. Iso si, tiñan menos recepción no grande público, entre outras cuestións, porque non eran útiles. Aquela vontade de reconstrución da sociedade tras a Segunda Guerra Mundial semella xa dende hoxe unha «utopía». O ascenso do neoconservadurismo dos 80 veu acompañado dun terreo aberto de oportunidades de expansión para o capitalismo occidental tras a caída do muro.
E ese pacto de equilibrio social do público e do privado estoupou polos aires de xeito exponencial co desenvolvemento das novas ferramentas de comunicación. Xeraron inxentes cantidades de riqueza baseadas na especulación, e non tanto na produción. Non hai que esquecer a enorme influencia do modelo de crecemento económico dunha potencia hexemónica: China, a grande triunfadora da globalización. Globalización si, pero dun determinado xeito, e que ten os seus custes en cultura política democrática. Destes pos, estes lodos...
Hoxe en día observamos como a protesta cambia de bando. Pero non estamos acostumados a vela dende este lado da ribeira. Trastorna todo o noso universo mental e político. Para moitos é incomprensible o que está a suceder, estas reaccións de medo ás incertezas que provocan os cambios. A política comeza a lerse en clave transversal e cada vez parecese máis ao discurso de loita de clases. Só falta actualizar os seus substantivos. O pasado sempre volve. Eses respaldos masivos, esa «adhesión» á candidata Ayuso en Vallecas, Usera, Lavapiés… Aquí sempre fallará a análise de explicar a situación entre a dereita e esquerda —e mesmo centro… onde quedou?—. Aquela división de hai máis de dous séculos na Asemblea Nacional da Francia revolucionaria de 1789 axúdanos pouco a entender o presente. De feito, se o analizamos dende unha perspectiva mundial a dereita radical é o fenómeno político que máis medra. É evidente que alguén o le mellor.
A mellor das fórmulas contra isto é atender ao que se fai, non ao envoltorio do discurso. Esta apelación constante ao sentimento é un torpedo directo contra a capacidade da razón, do debate e do diálogo como canle de convivencia. A crítica vén sendo substituída polo insulto. O respecto polo menosprezo. A democracia vese dinamitada. O único antídoto resulta seguir a pensar en colectivo. Aínda que custe.
Temos o que temos: unha Europa vella, cansada, conservadora, tradicional… Farturenta de éxito. Criticada por «cobarde» e «tibia». Un discurso ben doado para integrar de xeito rápido ó estilo de novos conversos ás vagas de inmigrantes presentes e futuros que substitúan a forza de traballo da vella Europa. Sectores desesperados e moi castigados por este cruel inicio do século XXI, necesitados de supervivencia.
Insultos, baixos instintos, desprezo… O efectivo a curto prazo dos discursos planos, directos, sinxelos. Coa construción de inimigos ben localizados. A campaña é a forma, non o fondo. Precisan estender a imaxe de salvadores dun pobo atacado e ofendido, pero o que fan en realidade é rachar as bases de diálogo dunha comunidade e inventar outra que sancione o «sálvese quen poida». E o futuro…? Xa se decidirá.