«Non apague o móbil»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

PEXELS | EUROPAPRESS

16 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A orde de «apague o seu móbil» no avión sempre provocou sorrisos —por esaxerada— nos pasaxeiros que saben de sistemas de telecomunicación, e máis cando as compañías aéreas deron en ofrecer comunicacións de pago por medio dunha rede de tipo wifi dentro da cabina: o nodo desa rede conecta cun satélite xeoestacionario (a xirar coa mesma velocidade angular que a Terra), repetidor que ve ao tempo o avión e unha estación terrea. O avión voa a 10 quilómetros da superficie terrestre e o satélite está a 37.000 dela. Por tanto, no seu percorrido avión-satélite-terra (ou no contrario) as microondas fan uns 75.000 quilómetros. Como avanzan a 300.000 quilómetros/hora, tardan nel un cuarto de segundo. Ese retardo nada é para a telefonía, mais moito para transmisión de vídeo e datos, que demandan millóns (ou miles de millóns) de bits/segundo.

Agora a UE anuncia unha normativa para «ter 5G» nos avións e volven os sorrisos dos expertos: se a característica das redes celulares da quinta xeración é o retardo case nulo, como se vai resolver o do treito espacial? Fálase de usar constelacións de satélites de órbita baixa (a centos de quilómetros sobre o Globo) con técnicas que complican moito o proceso; e fican por ver as tarifas das compañías aéreas polo servizo. As actuais son caras mesmo para quen voa con luxos de primeira clase.