
Foi Robert K. Merton, o sociólogo norteamericano, quen formulou hai sesenta anos a hipótese dos «descubrimentos científicos múltiples e simultáneos». De acordo con esta teoría, cando varios científicos que traballan desconectados entre si chegan a unha mesma conclusión, esta pode considerarse «científica»; do que se deduce tamén que o coñecemento habitualmente avanza sobre os pasos previos dados por outros científicos, e non tanto grazas ao azar ou á xenialidade dunha soa persoa.
No debate sobre as causas do declive da democracia liberal e social resulta moi chamativo observar o cumprimento da hipótese dos achados múltiples por parte de científicos sociais de distintas procedencias, especialidades académicas e orientacións ideolóxicas. Escribe o sociólogo e politólogo Giovanni Sartori: «Polo tanto, desde un punto de vista operativo, o demos é unha maioría, ou ben absoluta ou ben moderada, e a doutrina é practicamente unánime ao afirmar que a democracia ten que inspirarse no principio da maioría limitada ou moderada. Senón, vivirá un día e comezará a morrer ao día seguinte». O historiador Timothy Snyder afirma: «O erro consiste en presupoñer que os gobernantes que accederon ao poder a través das institucións non poden modificar nin destruír esas mesmas institucións (…) ás veces prívase ás institucións de vitalidade e de funcións, converténdoas nun simulacro do que eran antano».
Os tamén politólogos Levitsky e Ziblatt resumen a súa tese sobre a morte das democracias recordando que estas sempre funcionan «apoiándose en dúas normas que damos por supostas: a tolerancia mutua e a contención institucional (...), sen estas normas o sistema constitucional de controis e equilibrios non funcionará como agardamos».
Cambiar a conveniencia regras e institucións que foron pactadas no seu día e respectadas ao longo do tempo, e facelo sen consensos, sen límites, sen contención: non outro é o inicio do declive das democracias.
O máis grave do que está a acontecer estes días no Congreso non é, sendo moi grave, o ambiente de crispación e a linguaxe grosa que se está a escoitar. Sendo tamén moi grave, o peor non é que as dúas forzas maioritarias non sexan quen de cumprir os prazos de renovación dos órganos constitucionais. E sendo preocupante, nin sequera é o máis grave que o lexislativo retocase levemente por maioría absoluta as normas procedimentais para a elección dos titulares deses poderes constitucionais. O que é realmente grave é que, por vez primeira desde 1978, substitúense as maiorías cualificadas, que obrigan ao consenso e ao pacto, por maiorías conxunturais nas cámaras representativas. Que estaríamos escoitando se semellante modificación, contraria ao espírito da nosa consensualista norma constitucional, fose realizado unilateralmente por unha extrema dereita cunha maioría circunstancial no noso país? O gravísimo é que, rachado o tabú das maiorías cualificadas, o precedente queda fixado: as consensuadas leis orgánicas poderán reformarse por maioría.
Un despropósito, múltiple e simultáneo. Pero na versión do termo que incorpora Rodrigo Cortés no seu Verbolario: «Despropósito: dislate cometido a propósito». Unha mágoa, aínda a tempo de evitarse.